Visitamos o barrio do Martinete para coñecermos de primeira man o proxecto Parque Cidade
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, visitou esta tarde o barrio do Martinete para coñecer de primeira man o proxecto do Parque Cidade, unha iniciativa de humanización desta zona da cidade que impulsa un grupo de veciñas e veciños.
Trataríase de lle dar un uso ambientalmente sustentábel a un conxunto de 12 parcelas, situadas nunha valgada no Monte Martelo, ao pé dos núcleos de Martinete, Someso e O Birloque, que suman por volta de 40 mil metros cadrados e que neste momento xestiona a inmobiliaria Solvia.
"Concordamos coas veciñas e os veciños en que este parque se constituiría non só nun pulmón verde, senón nun elemento básico para revitalizar e humanizar un barrio que precisa de accións tan básicas como arranxar beirarrúas ou mesmo colocalas en zonas por onde apenas poden transitar as e os peóns", afirma Jorquera, quen estivo acompañado na visita polo secretario de Organización do BNG da Coruña, Fran Rei.
O Martinete precisa pór en valor esta zona verde, isto é, rescatala de hipotéticos negocios especulativos, mais tamén dotarse de equipamentos tan básicos como un centro social ou como espazos para o lecer das crianzas ou da mocidade.
Jorquera comprometeuse con este grupo de veciñas a rexistrar iniciativas en María Pita para instar o Goberno Local a que dea resposta ás necesidades e demandas do barrio.