SOBRE A SANIDADE PÚBLICA, O IMPULSO Á CORUÑA COMO CIDADE CREATIVA E A SITUACIÓN DA BANDA MUNICIPAL DE MÚSICA
Apoio do Pleno de novembro ás tres mocións do BNG
Dúas delas –a que procura o impulso da Coruña como cidade creativa e a que ten como propósito mellorar a situación na que se acha a Banda Municipal de Música- obtiveron o apoio unánime das forzas presentes na Corporación, en tanto que a referida á sanidade pública, con críticas á xestión privatizadora da Xunta, foi votada a prol por PSOE e Marea Atlántica e en contra polo Partido Popular.
A defensa da moción sobre a sanidade pública en tempos da pandemia, iniciativa que daba curso a unha proposta da Plataforma SOS Sanidade Pública, correu a cargo do portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera.
“A sanidade pública lanza un SOS, un sinal de socorro que é ben atender. E cal é a resposta da Xunta? Pois a de substituír a atención médica presencial pola telefónica, que, como é evidente, non é atención médica. Así de paso ábreselle camiño a Movistar, que viu un nicho de negocio e acaba de lanzar Movistar Saúde”, afirmou o voceiro nacionalista.
A resposta da Xunta non fica aí: fecháronse consultorios, centros de saúde e puntos de atención continuada, suspendéronse consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas.
“A deterioración da imaxe da sanidade pública” está a ter como consecuencia, alerta Jorquera, o feito de que “cada vez máis xente recorra á sanidade privada e a subscribir seguros sanitarios”. “Gustaríanos pensar que non é isto o que se busca, gustaríanos pensar que non estamos ante unha estratexia deliberada”, engadiu.
Esta moción, en fin, visa “desconfinar” a sanidade pública. “Está en xogo a propia pervivencia dun sistema de saúde público universal, accesíbel e equitativo”.
IMPULSO Á CORUÑA COMO CIDADE CREATIVA
“A cultura xa non está en fase de resistencia, senón de supervivencia nas condicións actuais da pandemia”, comezou por dicir Avia Veira na súa intervención de defensa da segunda das mocións formuladas polo Bloque.
A crise aguda que atravesa o sector obriga as institucións públicas a apostaren por investir “maiores recursos públicos”. “Iso é clave se queremos salvar o tecido empresarial que dá corpo á cultura no País. Falamos moitas veces de micro-empresas e de traballadoras autónomas”, remarca.
Con esta iniciativa, o BNG pon sobre a mesa propostas concretas: a recuperación do Museo de Arte Contemporánea, a creación dun Consello Municipal de Cultura e a habilitación dun espazo para creadoras e creadores na Cidade das TIC.
Defende aínda o BNG habilitar liñas de axudas a artistas en troca de que estabelezan unha programación anual aberta ao público nos seus espazos de creación –estudos, locais de ensaio...
“Imaxinades unha cidade na que constantemente, e durante todo o ano, haxa unha oferta cultural nada desde as propias creadoras e creadores?” perguntouse Avia Veira, ao tempo que anunciou a aceptación dunha emenda formulada ao texto nacionalista por parte do PP.
MELLORA DA SITUACIÓN DA BANDA MUNICIPAL DE MÚSICA
A terceira das mocións do BNG neste pleno defendeuna tamén Avia Veira. A situación do persoal funcionario desta agrupación é moi precaria, explicou, as baixas cóbrense con lentitude, non está aínda provista a praza de dirección...
A este último respecto, explicou Veira que “houbo xa varias convocatorias frustradas pola falta de rigor nos procesos e por mudanzas nos criterios que teñen pouca explicación”. Para a concelleira nacionalista, é preciso que se podan presentar como candidatas a dirixir a BMM “un amplo espectro de persoas”.
Para completar o cadro, a agrupación tampouco dispón dun espazo adecuado para ensaiar. O Ágora non reúne as condicións precisas, e moito menos se temos en conta as distancias de seguranza en plena pandemia. E aínda por riba a banda apenas ten actuacións programadas, resaltou a concelleira.
Falta tamén persoal. “Alén da actual administrativa que traballa coa BMM, sería preciso contar cunha arquiveira para pór en orde, conservación e en valor todo o patrimonio musical da nosa agrupación”, dixo. E aínda sería ben que a agrupación se dotase “dunha xerencia que poida realizar xestións de persoal ou elaborar unha programación anual”.
En definitiva, o BNG pídelle a través desta moción ao Goberno Local que poña en valor a BMM e que o faga coa posta en práctica “das propostas recollidas” nunha iniciativa que ten como obxectivo “tirarlle o máximo rendemento cultural posíbel á Banda Municipal da Coruña”, conclúe Avia Veira.