A instancias do BNG, o Concello condena a violencia do exército de Azerbaixán contra a poboación armenia

Francisco Jorquera e Vahe Manukyan, representante da comunidade armenia na Coruña, na tribuna de convidados, durante o pleno de 5 de novembro de 2020
O Pleno do Concello da Coruña fixo esta mañá unha Declaración Institucional a favor do cesamento da violencia no Alto Karabakh e en solidariedade coa poboación armenia que sofre a agresión das forzas armadas de Azerbaixán.
A instancias do BNG, o Concello condena a violencia do exército de Azerbaixán contra a poboación armenia

A declaración promoveuna o grupo municipal do BNG e a súa asunción por parte do resto de formacións políticas produciuse durante a Xunta de Voceiros realizada o pasado martes.

No texto da declaración afírmase que o conflito territorial entre Azerbaixán e Armenia polo control do Alto Karabakh “sofreu un recrudecemento nos últimos meses cando as forzas armadas de Azerbaixán, co apoio de Turquía e de tropas mercenarias e milicias islamistas, iniciaron unha ofensiva contra a República de Artsakh, con ataques indiscriminados que produciron numerosas vítimas na poboación civil”.

Esta intervención militar supón unha vulneración do chamamento da ONU de 23 de marzo ao cesamento do fogo.

O Concello da Coruña solidarízase coa “poboación armenia vítima desta agresión”, chama á inmediata interrupción das hostilidades por parte de Azerbaixán e apoia unha solución dialogada en concordancia cos principios de dereito internacional.

O Pleno contou coa presenza, na tribuna do público, de Vahe Manukyan, representante da comunidade armenia na nosa cidade, co que mantivo unha breve conversa o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera

 

 

A instancias do BNG, o Concello condena a violencia do exército de Azerbaixán contra a poboación armenia