Apoio do Pleno ás nosas mocións sobre pequeno comercio, accesibilidade e mobilidade metropolitana

Avia Veira e Francisco Jorquera no Pleno de decembro de 2019
Avia Veira e Francisco Jorquera no Pleno de decembro de 2019
O Pleno do Concello da Coruña deu luz verde este xoves 5D ás tres mocións defendidas polo BNG e que pivotaban sobre a revitalización e modernización do pequeno comercio, a accesibilidade das persoas con diversidade funcional e a mellora da mobilidade metropolitana.
Apoio do Pleno ás nosas mocións sobre pequeno comercio, accesibilidade e mobilidade metropolitana

A moción en relación ao pequeno comercio foi aprobada co voto favorábel de todos os grupos coa excepción de Cs, que optou pola abstención. A iniciativa para conquistarmos unha cidade máis accesíbel para todas as persoas obtivo o apoio unánime do pleno, mentres que a terceira das mocións, a da mobilidade metropolitana, foi votada a favor por PSOE e Marea Atlántica e rexeitada por PP e Cs.

Moción sobre o pequeno comercio

A primeira das iniciativas do BNG defendeuna Francisco Jorquera. “Nos últimos 10 anos”, comezou por dicir, “fecharon na nosa cidade arredor de 800 pequenos comercios. As razóns son múltiples: a proliferación das grandes superficies comerciais, a venda on line, e tamén, nalgúns casos, a falta de adaptación á hora de se modernizar e de acadar unha maior especialización”, considerou. A este último respecto explicou o portavoz nacionalista que “unha das medidas do plan debe ser impulsar o labor de asesoramento e formación, co obxectivo de modernizar e diversificar o noso tecido comercial”.

“Para o BNG”, estendeuse Jorquera, “o pequeno comercio debe ter a consideración de sector estratéxico, e non só pola súa importancia na xeración de emprego, senón tamén por que contribúe a fomentar a economía de proximidade e un modelo de consumo máis responsábel".

“Nos últimos 10 anos fecharon na nosa cidade arredor de 800 pequenos comercios"

O pequeno comercio, remarcou, tamén fai cidade. “As rúas con comercios son rúas vivas que dan sensación de seguranza e convidan a pasear e a estabelecer relación social. En troca, barrios con rúas cheas de locais baleiros son barrios en claro proceso de degradación”.

Canto ás medidas que contempla esta moción no seu apartado propositivo, Jorquera destacou a creación dun banco de locais baleiros co obxecto de os ofertar en aluguer a prezo baixo, o impulso ao labor de asesoramento e formación, a posta en marcha de planos coordinados de promoción do turismo e do comercio local, a promoción dunha imaxe de marca que poña en valor a calidade da nosa gastronomía e a potenciación e revitalización dos mercados municipais como centros de dinamización da vida comercial e social dos barrios.

Moción sobre accesibilidade

A segunda das iniciativas do BNG neste pleno defendeuna Avia Veira, con medidas para garantir todos os dereitos das persoas con diversidade funcional na nosa nosa cidade. 

“Non podemos limitarnos ás boas palabras e ás declaracións de intencións que todos partillamos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Temos que pasar á acción desde as competencias que ten este concello. E temos que facer unha cidade máis democrática e accesíbel para todas e todos”, dixo a concelleira nacionalista, quen chamou a que se bote man do Grupo Accesibilidade Coruña para ter en conta as súas achegas á hora de planificar obra pública.

“O que formulamos son propostas totalmente viábeis e que fan parte do elenco de competencias deste concello, entre elas por exemplo a de que as webs do concello sexan  totalmente accesíbeis”, remarcou.

A falta de accesibilidade é visíbel até no propio Palacio de María Pita, denunciou Veira. “As escaleiras que levan ás dependencias dos grupos municipais do BNG e do PP non son accesíbeis, o que obviamente nos impide ter reunións nas nosas oficinas con persoas con mobilidade reducida”, alegou.

"Temos que pasar á acción desde as competencias que ten este concello. E temos que facer unha cidade máis democrática e accesíbel para todas e todos”

Explicou Avia Veira que a moción ten catro esteos: a) deseñar a mobilidade e o espazo público para todas as persoas; B) garantir o dereito a unha vivenda digna e accesíbel; c) construír unha cidade democrática para todas e todos independentemente da nosa condición física e d) conquistarmos unha infancia con dereitos.

Medidas concretas? Un feixe delas. Por exemplo: a mudanza nos tempos dos semáforos “para que todas as persoas poidan cruzar con seguridade”, a modificación da ordenanza da ORA para disponibilizar aparcamentos de balde, o aumento das partidas destinadas á rehabilitación das vivendas (“moitas persoas viven encerradas nas súas casas por seren edificios non accesíbeis), ben tamén como a instalación de bucles magnéticos nos recintos municipais e a inclusión plena de todas as crianzas nas actividades organizadas polo Concello da Coruña.

Moción sobre Mobilidade Metropolitana

A terceira e última das mocións levadas polo BNG ao pleno defendeuna tamén Avia Veira e tiña como propósito instar as distintas administracións –desde a local e a galega até a estatal- a adoptaren distintas medidas para mellorar substancialmente a mobilidade metropolitana.

“Fronte ao mantra da ampliación de carrís na Vedra ou na Ponte Pasaxe defendemos un modelo que pase pola potenciación do transporte público, con alternativas como o tren de proximidade ou mesmo analizando a hipótese de pór en marcha servizos de transporte marítimo”, dixo Avia Veira.

Na súa intervención, a concelleira nacionalista argumentou que a mellora da mobilidade metropolitana é unha condición sine qua non para A Coruña avanzar cara á “urbanización inclusiva e sustentábel” que en teoría fai parte dos obxectivos da chamada Axenda 2030 do Estado español. 

“Fronte ao mantra da ampliación de carrís na Vedra ou na Ponte Pasaxe defendemos un modelo que pase pola potenciación do transporte público"

No elenco de medidas que propón o BNG figura a instalación dun carril VAO na Avenida da Vedra, a mudanza do trazado da Vía Ártabra para a conectar coa A-6 (respectando en todo caso o humidal da Gándara) e a execución da conexión AP-9 e a Terceira Ronda, o chamado Vial 18, “na forma máis económica e áxil posíbel”.
 

Apoio do Pleno ás nosas mocións sobre pequeno comercio, accesibilidade e mobilidade metropolitana