PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA
Queremos saber se o concello ten noticias da Comisión Europea en relación á Compañía de Tranvías
De acordo con ese regulamento, aquelas concesións que superasen os 30 anos de vida e no seu tempo non foran licitadas publicamente deberían considerarse caducadas. Ese sería o caso da Compañía de Tranvías. O problema é que o regulamento non especifica con clareza a partir de que momento se deben contar eses 30 anos. En todo caso, e en función desa normativa, o concello declarou xa en novembro de 2016 a caducidade desa concesión ao entender que o momento a partir do cal se debían computar as tres décadas era o da aprobación do convenio por parte do pleno, en 1986.
A concesionaria non está de acordo e, ignorando a normativa europea, iniciou un preito, coa pretensión de que o contrato se extinga en 2024, tal e como figura no convenio.
Ao mesmo tempo en que declarou extinguido o contrato –a concesión estaría agora nunha especie de limbo legal- o concello elevou unha consulta á Comisión Europea para esclarecer o momento a partir do cal se deben contar os 30 anos de vida da concesión.
Agora Avia Veira quer saber se a Comisión Europea deu resposta xa á consulta elevada polo concello e que plans manexa o Goberno Local “en función das posíbeis respostas” de Bruxelas.
“É fundamental que o Goberno Local teña ben preparados os distintos escenarios a partir do que vaia contestar a Comisión”, remarca Avia Veira, quen a seguir salienta que “o BNG ten asinado un acordo de investidura co Partido Socialista en que este se compromete a estudar a xestión directa do servizo de autobuses”.
Esa fórmula de xestión, a xuízo do BNG, permitiría “comezar a deseñar a mobilidade como un dereito e non como un negocio”.