"SOMOS CONSTRUTIVOS E SEMPRE POMOS OS INTERESES DA CIDADE POR DIANTE", SUBLIÑA JORQUERA
Si ao modificativo de crédito, pese á súa tramitación excluínte e á insuficiencia dalgunhas das súas partidas
O grupo municipal do BNG votou esta mañá a prol do modificativo de crédito dos orzamentos actualmente vixentes durante o Pleno extraordinario que se realizou esta mañá no Concello.
Con todo, o BNG acompañou este voto afirmativo con censuras á tardanza e ao método de tramitación desta mudanza orzamentaria –pactada por PSdeG e Marea Atlántica excluíndo o resto dos grupos- e tamén con críticas á contía insuficiente dalgunha das súas partidas, ben como, no capítulo de baixas, ao feito dalgunhas actuacións relevantes ficaren sen recursos.
Mais en calquera caso, remarcou o noso voceiro, Francisco Jorquera, o BNG “pon sempre os intereses da cidade por diante” e ten demostrado ao longo do mandato “ser unha forza construtiva porque ser construtivo non significa facerlle a ola ao Goberno Local”. “Estes son uns modificativos necesarios, pese ás discrepancias que temos a respecto de como foron tramitados, e por iso terán o noso voto favorábel”, anunciou.
Ese voto afirmativo obviamente non lle impide ao BNG formular serias obxeccións a unha xestión do Goberno Local que consiste, subliñou Jorquera, “en ir trampeando coa aprobación de modificativos mentres non se aborda en tempo e forma a elaboración duns novos orzamentos”. A seguir, censurou o Goberno Local pola súa falta de eficacia á hora de executar “boa parte dos investimentos contemplados” nos orzamentos vixentes.
O BNG é crítico co contido concreto desta mudanza dos orzamentos (que se materializa en catro expedientes distintos) porque resulta insuficiente nalgunhas partidas –nomeadamente na destinada ao Clube do Mar de Santo Amaro- e porque no capítulo de baixas deixa sen recursos actuacións como a inicialmente prevista para a musealización da cúpula do Parque de San Pedro.
No limiar da súa intervención, Jorquera trouxo á tona unha evidencia: estamos a finais de novembro e, no canto de termos xa moi avanzada a negociación dos orzamentos do Concello para 2023, o que se nos trae a Pleno é unha mudanza das contas de 2022.
“Que eu saiba, o Goberno Local aínda non iniciou o proceso de diálogo” sobre os orzamentos do Concello para 2023, e iso pese a se ter comprometido no Acordo de Investidura asinado co BNG a que as negociacións das contas do ano seguinte comezasen sempre no mes de setembro do ano en curso. “Co cal”, inferiu, “moito nos tememos que en 2023 teremos orzamentos prorrogados”. Se se confirmar ese temor do BNG, a conclusión sería, remarcou, que “nun mandato que comprende catro exercicios orzamentarios, só haberá orzamentos en dous cursos: 2020 e 2022”.
Sinalou Jorquera que “hai un problema a maiores”: o baixo nivel de execución das contas e nese sentido, apuntou, “agardamos que non pase o mesmo cos modificativos que agora se debaten”.
Tampouco satisfai ao BNG o método seguido para a elaboración desta mudanza dos orzamentos, sendo que novamente as formacións que a pactaron –PSdeG e Marea Atlántica- decidiron excluír do proceso de negociación “os demais grupos”.
En contraste con esa falta de vontade negociadora, o BNG si fixo chegar ao Goberno Local as súas propostas, “por se as tiña a ben considerar”, para as incorporar aos expedientes de modificación de crédito que finalmente foron ao Pleno este martes.
A avaliación que lle merece ao BNG a concreción destes expedientes é que, por unha banda, son insuficientes, mais por outra conteñen elementos que os fan necesarios.
Pola banda das insuficiencias, Jorquera identificou que a partida que se destina ao Clube do Mar de Santo Amaro non abonda para “cubrir os déficits estruturais” que a entidade ten que soportar pola xestión da piscina municipal da que é concesionaria. “E quero lembrar que o Clube do Mar non é SUPERA nin ningunha outra empresa que ten concesionada a xestión de complexos deportivos municipais”. Antes ao contrario, trátase dunha “entidade sen ánimo de lucro, cun forte arraigamento social na nosa sociedade”, polo que o BNG defendeu “que se faga un esforzo maior para facer fronte a este problema”.
Ve igualmente problemático o grupo municipal nacionalista que no capítulo de baixa os recursos que en principio ían encamiñados á musealización da cúpula de San Pedro como Centro de Interpretación do Litoral se acaben destinando á recuperación do Espazo Natural de Interese Local da Torre de Hércules.
E o BNG si ve necesario pór en valor o ENIL da Torre de Hércules, mais á vez constata que “por segundo mandato consecutivo, a musealización da cúpula de San Pedro ficará por facer”.
Tamén hai unha minorización significativa da partida destinada á reurbanización da Rúa Santo André –os recursos detráense de aí para financiar a necesaria e urxente rehabilitación das coñecidas como Casas de Farnco-, de igual maneira que tampouco se vai poder concluír a reposición do sistema de climatización da Fundación Luís Seoane “se temos en conta que se derivan ao exercicio 2023 550 mil euros que estaban orzados para executar este ano”.
Pola banda dos aspectos positivos destes modificativos, o BNG saúda que se destinen 3 millóns de euros para o convenio entre o Concello e a UDC con vistas a impulsar a Cidade das TIC e igualmente celebra os suplementos de crédito a EMVSA “para cubrir as perdas ocasionadas polas encomendas asignadas”.
Si que é certo que o Goberno Local non atendeu algunha das propostas feitas polo BNG para se incorporaren aos modificativos, desde o aumento da dotación para o Clube do Mar de Santo Amaro e para o convenio co Banco de Alimentos, ben como tamén o establecemento de partidas que permitisen establecer acordos coa Asociación Galega de Fibromialxia e a Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (AGALURE).
Regulamento das Escolas Infantís Municipais
Alén do modificativo de crédito, o Pleno abordou tamén a modificación do Regulamento das Escolas Infantís Municipais para estender a gratuídade das 6 horas actuais até as 8.
O BNG votou a favor desta mudanza e, nese sentido, Avia Veira salientou que xa durante a aprobación do Regulamento advertíramos que “6 horas eran insuficientes para unha escola infantil ser verdadeiramente unha ferramenta de conciliación”.
Veira criticou que a Xunta cubra a gratuidade nas escolas privadas no canto de se dedicar a construír escolas infantís públicos, sendo que “na Coruña levan anos sen implementar nin unha soa praza pública cando hai barrios que están infradotados”.
Na mesma dirección, obxectou que “o cálculo da subvención que recibe o Concello polas horas de balde no noso caso é só polas dúas horas de diferenza entre as seis que ofrece o propio Concello da Coruña e as oito totais”.
Por último, botou en falta a realización dun estudo económico de como vai afectar esta mudanza os contratos vixentes coas concesionarias, levando en conta que estes foron asinados cando a gratuidade só alcanzaba as seis horas.