TRASLADAMOS A DEMANDA VECIÑAL EN FORMA DE ROGO

A necesaria reforma do Parque Infantil da Sardiñeira

Parque Infantil A Sardiñeira
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, rexistrou un rogo oral, para a súa lectura no Pleno ordinario do mes de decembro, por medio do cal insta o Goberno Local a asegurar a limpeza e o mantemento do parque infantil da Sardiñeira. O BNG non só pide que se proceda ao seu saneamento, senón tamén á súa reforma e ampliación, tal e como piden as veciñas e os veciños cos que o grupo municipal nacionalista tivo contacto hai uns días nunha visita de Jorquera ao barrio.
A necesaria reforma do Parque Infantil da Sardiñeira

E, con efecto, o parque infantil da Sardiñeira, sito na parte traseira do Centro Cívico dos Mallos, presenta un “importante estado de deterioración”, segundo puido constatar Jorquera. O pavimento amortecedor está inzado de buratos e rachaduras –co conseguinte risco de provocar caídas-, as fontes están secas e, relata o voceiro do BNG, “hai instalacións de xogos que non foron debidamente reparadas, caso dun columpio coas cadeas defectuosas, elementos que non foron substituídos, senón simplemente recortados”.

“Algúns dos xogos mesmo presentan elementos cortantes que poden mancar as crianzas”, alerta Jorquera. O cadro complétase con fochancas no medio da capa vexetal, o que torna o parque nunha lameira cando chove.

Parque Infantil A Sardiñeira 2

Estas deficiencias levaron as veciñas e veciños a formular unha proposta de reforma das instalacións nos orzamentos participativos. E a conseguir que finalmente fora seleccionada entre as actuacións a realizar por parte do Concello. Mais, advirte Jorquera, “non teñen información de cando se levará a cabo, pese a ser unha intervención simple e pouco custosa”.

A reforma visaría a ampliación da zona de xogos e a instalación de novos brinquedos para rapaces e rapazas de maior idade, pois as actuais instalacións están pensadas para as crianzas máis pequenas.

 

A necesaria reforma do Parque Infantil da Sardiñeira