MERCEDES QUEIXAS LEVARÁ O ASUNTO AO #PLENOXULLO

A alcaldesa leva máis dun ano sen convocar o Consello Municipal de Cultura

Consello Municipal de Cultura. Mercedes Queixas.
Imaxe da xuntanza constitutiva do CMC
A 22 de maio de 2024 o Consello Municipal de Cultura (CMC) realizou a súa última reunión, para elixir a vicepresidencia e os membros da súa comisión permanente. Desde aquela, nada, a pesar de o BNG terlle dirixido unha batería de preguntas por escrito ao Goberno Local para lle demandar explicacións sobre a súa inacción ao respecto: é a alcaldesa a presidenta do órgano e é quen ten que convocar as súas reunións.
A alcaldesa leva máis dun ano sen convocar o Consello Municipal de Cultura

Perante a falta de resposta efectiva, a concelleira do BNG Mercedes Queixas vai volver levar o asunto ao Pleno, neste caso ao ordinario de xullo, en forma de rogo oral.

“En marzo formulámoslle unha pregunta ao Goberno Local. A resposta foi comprometer unha reunión do CMC para o pasado mes de abril. Non tivo lugar. Tamén se nos dixo que se estaban a organizar grupos de traballo. Deles nada se soubo”, critica Queixas.

Na parte dispositiva do rogo, Queixas pídelle ao Goberno Local que cumpra co regulamento do CMC como órgano de participación do “vizoso” tecido cultural coruñés e “punto de encontro da pluralidade de axentes que interveñen na política cultural municipal”.

O regulamento prescribe que o Pleno do CMC se reunirá no mínimo unha vez ao ano e que a súa Comisión Permanente o fará cando menos en tres ocasións. “Esa temporalidade non se está a respectar”, manifesta Queixas.

O BNG lamenta que o Goberno Local estea a ignorar este órgano e que non se mova da súa “persistente desactivación”.

“Cústanos entender por que o Goberno de Inés Rey insiste en impedir a participación de axentes do tecido cultural coruñés no deseño da política municipal nesta materia”, afirma Queixas, quen remarca que a creación deste órgano foi unha demanda do BNG que se incorporou ao Acordo de Investidura de 2023.

 

A alcaldesa leva máis dun ano sen convocar o Consello Municipal de Cultura