UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS NO PARLAMENTO GALEGO

COF de Orillamar: a Xunta nin compromete prazos do novo convenio nin a dotación do persoal

Mercedes Queixas COF Orillamar, Parlamento galego, debate 26 de xuño na Comisión de Sanidade.
Mercedes Queixas, durante a interpelación
Xa existe un borrador de novo convenio entre a Xunta e o Concello para a xestión do COF de Orillamar, afirmou esta mañá na Comisión de Sanidade do Parlamento galego o xerente do SERGAS, José Ramón Parada, en resposta a unha pregunta oral formulada pola deputada do BNG Mercedes Queixas.
COF de Orillamar: a Xunta nin compromete prazos do novo convenio nin a dotación do persoal

“É unha nova, mais debe vostede esclarecer cando imos ter ese novo convenio. A saúde sexual e reprodutiva das mulleres da Coruña e da comarca non poden continuar a agardar máis”, urxiu Queixas.

Mais o xerente do SERGAS nin comprometeu prazos nin a asunción por parte da Xunta, no novo convenio, de todo o persoal dun COF que o BNG ve neste momento en risco certo de desmantelamento.

Precisamente, o Pleno do Concello da Coruña aprobou o pasado mes de maio, e a instancias do BNG, unha moción para que se elaborase un novo convenio en virtude do cal a Xunta poría o persoal e a administración local coruñesa, as instalacións e os equipamentos. Esa moción foi votada en contra polo grupo municipal do PP.

Queixas critica que, na súa resposta, o xerente do SERGAS mentise ao afirmar que o COF ten cubertas todas as súas prazas. “A segunda praza de xinecoloxía non está cuberta desde que se xubilou a súa anterior titular, en 2020”, denunciou.

Queixas denuncia que neste momento hai 300 mulleres en listaxe de agarda e que xa non hai citas dispoñíbeis para o que fica de 2025

A falta de persoal -a moción de maio pedía a cobertura da segunda praza de xinecoloxía e que se ocupen as vacantes de psicoloxía clínica, traballo social e auxiliar administrativo-  motiva que neste momento haxa 300 mulleres en lista de espera para unha consulta de xinecoloxía e que nestes momentos non haxa xa ningunha cita dispoñíbel para o que resta de 2025.

“A situación é particularmente grave porque se están acumulando demoras de máis dun mes na listaxe de agarda para citas xinecolóxicas urxentes”, remarcou Queixas.

A deputada nacionalista emprazou o xerente do SERGAS a que non dilate a elaboración do novo convenio. “Actualmente só hai unha praza de auxiliar administrativo no COF, non as 3 que debería haber. E como consecuencia, a maior parte do tempo non hai alí quen poda coller o teléfono. O persoal está totalmente desbordado”.

O xerente desprazou a responsabilidade ao Concello. “É típico da Xunta, non asumir as súas propias responsabilidades, cando, como é sabido, as competencias en materia sanitaria son exclusivas da Administración galega”, concluíu Queixas.

 

 

 

COF de Orillamar: a Xunta nin compromete prazos do novo convenio nin a dotación do persoal