Aínda fican "incertezas" sobre os usos comerciais e lucrativos aos que ten dereito o ADIF na Intermodal

Maqueta estación intermodal
A concelleira do BNG Avia Veira xulga como “positivo” que o ADIF asinase o convenio sobre a Intermodal, pois así se dá un paso máis cara á materialización dunha infraestrutura necesaria para a cidade, mais á vez advirte que “aínda fican incertezas por despexar” sobre os usos comerciais e lucrativos á que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias terá dereito na nova estación dos camiños de ferro.
Aínda fican "incertezas" sobre os usos comerciais e lucrativos aos que ten dereito o ADIF na Intermodal

“Segundo o convenio, o ADIF ten dereito a 5.100 metros cadrados enaxenábeis que se poden dedicar a usos lucrativos e 7.400 metros cadrados non enaxenábeis que poden ir a usos comerciais relacionados coa actividade ferroviaria”, explica a edil nacionalista.

O problema é que -tal e como sinalou o grupo municipal do BNG no Pleno do pasado 8 de abril, cando se deu luz verde á aprobación inicial da adaptación do PXOM á Intermodal- nese plano xeral de ordenación municipal  modificado non se especifica a que se van dedicar eses usos comerciais. “Na aprobación inicial, o Goberno Local remitíase ao que sinala a Lei do Sector Ferroviario, cando os PXOM de cidades con intermodais si que concretan os usos comerciais e lucrativos”, di Veira.

Após a aprobación inicial abriuse o correspondente período de alegacións. Por diante fica a aprobación provisional (coa incorporación ou rexeitamento das alegacións) e a aprobación definitiva por parte do Pleno do Concello. “O que pedimos desde o BNG é que neses trámites o PXOM delimite con clareza o destino dese usos por parte da ADIF”, esclarece a concelleira nacionalista.

O grupo municipal do BNG enfatiza que a Intermodal vai ter un “grande impacto no barrio dos Mallos”. “A Intermodal pode ser positiva para a rexeneración de que precisa ese barrio, mais temos que  ter a certeza de que os usos comerciais que se adxudican á ADIF non van prexudicar o pequeno comercio dos Mallos”, conclúe Veira.

 

 

Aínda fican "incertezas" sobre os usos comerciais e lucrativos aos que ten dereito o ADIF na Intermodal