VAINA DEFENDER DAVID SOTO NO #PLENONOVEMBRO DESTE XOVES 7N

Iniciativa contra a precariedade laboral que sofren traballadoras/es de concesionarias do Concello

David Soto.
David Soto
O BNG vai defender no Pleno deste xoves unha moción para o Goberno Local tomar medidas que permitan que as e os traballadores das empresas concesionarias do Concello vexan melloradas as súas condicións laborais.
Iniciativa contra a precariedade laboral que sofren traballadoras/es de concesionarias do Concello

A iniciativa, asinada polo concelleiro David Soto, propón que o Executivo coruñés esixa ás empresas que prestan servizos ao Concello a erradicación do traballo parcial e o cumprimento estrito dos convenios colectivos no que atinxe á remuneración das e dos traballadores.

Na exposición de motivos desta moción, Soto argumenta -e faino con datos publicados pola ONG Intermón Oxfam- que é perfectamente posíbel ter un traballo e vivir en condicións de pobreza. Nesa situación estarían persoal a tempo parcial, autónomas e autónomos e traballadoras/es con períodos intermitentes de desemprego.

Esa situación non é descoñecida tampouco no sector público: estímase que a sofren por volta de 4,5% do cadro de persoal das distintas administracións, porcentaxe que aumenta sensibelmente cando falamos de traballadoras/es de empresas concesionarias.

Os servizos públicos externalizados son en moitos casos un nicho de traballadoras/es pobres

Durante o que vai de mandato, o BNG ten impulsado iniciativas en relación a este fenómeno, tentando sempre a mellora das condicións laborais. “É o caso das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, das Escolas Infantís Municipais, das conserxarías das instalacións deportivas, das bibliotecas municipais, ben como do extinto servizo externalizado de xestión de multas”, anota Soto.

O concelleiro nacionalista lamenta que “o traballo a tempo parcial está extraordinariamente estendido”, ao tempo que “as remuneracións en concepto de salario continúan a ser nalgúns casos moi baixas”.

Todo isto lévao a afirmar que “os servizos públicos externalizados son en moitos casos un nicho de traballadoras/es pobres”, un escenario que o BNG considera “intolerábel”.

Non é sinxelo deixar atrás esta situación. As estratexias deben pasar por ir, progresivamente, a un modelo de xestión directa dos servizos concesionados e por deslindar ben o ámbito das competencias de cada administración. No caso do Concello da Coruña, é evidente que se están a asumir prestacións que lle correspondería xestionar á Xunta, considera Soto, polo que, entre outras cousas, a súa moción demanda “realizar un estudo no que se indique que servizos deberían ser prestados pola administración autonómica, ben como tamén esixir e negociar a asunción por esta das súas competencias”.

 

Iniciativa contra a precariedade laboral que sofren traballadoras/es de concesionarias do Concello