UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA PARA O #PLENONOVEMBRO DESTE XOVES 7N
A lóxica dos proxectos estratéxicos é dotar o portavoz do Goberno Local de "amplas competencias en asuntos que mobilizan moitos cartos"
Así o considera o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, quen levará o asunto ao Pleno deste xoves en forma dunha pregunta oral que reza así: “Considera o Goberno Local que todos os proxectos da cidade son estratéxicos?”.
Coa remodelación feita en xuño parecía que a alcaldesa rectificaba timidamente e tomaba nota das críticas formuladas polo BNG ao Goberno Local por arrancar o presente mandato cunha “estrutura tan xerarquizada e con tanta acumulación de competencias” en poucas persoas. Estas obxeccións facíaas o BNG por considerar que un deseño caracterizado pola existencia de concellarías de primeira e de segunda “non era bo para un funcionamento eficaz”.
Pois ben, o decreto de ordenación e impulso aos proxectos estratéxicos da cidade para o mandato 2023-2027 supón que a “tímida” rectificación de xuño se converte en papel mollado. “Con este decreto volvemos ao punto de inicio”, censura Jorquera.
Jorquera censura que se converta en papel mollado a remodelación do Goberno Local feita en xuño pasado
O portavoz nacionalista critica tamén que ámbitos moi relevantes da acción política do Concello fican fóra dos planos estratéxicos. Así, no decreto non aparece ningunha alusión ao plano de humanización e investimentos nos barrios, aspecto central do acordo orzamentario alcanzado por BNG e PSOE. Tampouco hai ningunha alusión nin á política social -no acordo orzamentario fálase de fortalecer os servizos públicos e as prestacións municipais-, nin á cultura nin á política pública de vivenda, “a non ser que se entenda por política pública de vivenda simplemente impulsar novos desenvolvementos urbanísticos como o de Visma e As Xubias”.
Fica tamén fóra o deporte, “salvo que se considere que as carencias desta cidade en materia de equipamentos deportivos e fomento da práctica deportiva se resolven coa candidatura a ser sede da mundial do fútbol masculino 2030”.
O decreto da Alcaldía de impulso aos proxectos estratéxicos para o mandato 2023-2027 deixa fóra a humanización dos barrios, a política social, a cultura, a vivenda pública e o deporte
No limiar do decreto explicítase que, por acordo da Xunta de Goberno Local. se ten acordado impulsar a elaboración do Plan Estratéxico 2030-2050 e, por tanto, os proxectos ditos estratéxicos teñen que ter coherencia con ese plan.
“Pero como van gardar coherencia se ese plan aínda está por elaborar?”, pregúntase Jorquera, ao mesmo tempo que critica que os grupos municipais nin sequera foron consultados ao respecto e lembra que o plan carece neste momento de dirección despois da renuncia de quen se anunciou como directora sen que en ningún momento chegase a ser nomeada como tal.