O TRÁMITE FINAL DAS CONTAS DO CONCELLO PARA 2022
Orzamentos: abstémonos, mais vemos positiva a rectificación do Goberno Local ao incorporar algunhas alegacións
En realidade, o que se votou foi unha emenda –unha auto-emenda- de PSOE e Marea Atlántica ao propio ditame, pois este en primeira instancia desestimaba todas as alegacións e finalmente algunhas destas si foron incorporadas vía esa modificación.
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, felicitouse na súa intervención de que o Goberno Local rectificase e, a través desa auto-emenda, acabase por incorporar algunha das alegacións das entidades. Para Jorquera, o alto número de reclamacións formuladas ás contas revela até que punto a tramitación foi “excluínte” e “pouco transparente”.
En realidade, o BNG optou por non apoiar estes orzamentos basicamente por dúas razóns. A primeira, é que as contas non son críbeis, nin no capítulo de ingresos nin no de gastos. A segunda é que son froito dun proceso de negociación excluínte que incumpriu o Acordo de Investidura de Inés Rey subscrito en xuño de 2019 polo BNG e o PSOE e segundo o cal estas forzas comezarían a negociar as contas en setembro para entraren en vigor en xaneiro. Non só non se conversou co BNG, senón tampouco co tecido social, tal e como mostra a cantidade de alegacións formuladas.
A tramitación foi sectaria, excluínte, mais tamén atropelada e precipitada. Tanto que no Pleno de hoxe PSOE e Marea Atlántica formularon unha auto-emenda ao ditame que até contou co informe desfavorábel do Interventor.
A auto-emenda vén ser unha rectificación da posición mantida polo Goberno Local na Comisión de Facenda cando votou contra a estimación de todas as alegacións. Agora si se estiman algunhas, o que o BNG considerou positivo. Nesa Comisión a Marea Atlántica abstívose. O BNG si votou a favor da aceptación de todas as alegacións.
A auto-emenda vén ser unha rectificación da posición mantida polo Goberno Local na Comisión de Facenda cando votou contra a estimación de todas as alegacións.
“En si mesmo a presentación destas alegacións debería ser motivo de reflexión. O BNG está de acordo co fomento de participación. Pero o fomento de participación non pode reducirse aos chamados orzamentos participativos, vía a participación circunscrita a cidadáns individuais que só poden decidir co seu voto unha percentaxe ínfima do investimento”, salientou Jorquera, quen a seguir botou de menos que existisen “canles de diálogo” entre o tecido social e o Goberno Local á hora de este atender as alegacións de aquel.
Xa baixando ao terreo do concreto, o voceiro nacionalista mostrou o apoio do BNG ás alegacións formuladas pola Liga Reumatolóxica Galega, a Fundación Rogelio Groba, ASCEGA, o delegado sindical do IMCE e o veciño Benedito Álvarez.
Non son orzamentos críbeis
Mais á marxe de as contas teren sido negociadas con talante excluínte, o BNG non pode apoiar este proxecto de orzamentos por non seren críbeis.
“Son uns orzamentos inflados nos ingresos –o propio Interventor advirte sobre a posíbel sobreestimación dalgunhas previsións- e son uns orzamentos inflados nos gastos, se temos en conta o grao de execución de orzamentos anteriores”, precisou Jorquera.
“O incremento de gasto nestes orzamentos absórbeno sobre todo os capítulos V e VII, mais o certo é que no que levamos de mandato só se executou un de cada tres euros orzados nestes capítulos”, estendeuse o voceiro nacionalista.
Son uns orzamentos inflados nos ingresos –o propio Interventor advirte sobre a posíbel sobreestimación dalgunhas previsións- e son uns orzamentos inflados nos gastos
Para Jorquera, un bon proxecto de orzamentos ten que ser “solvente e críbel” e “temos serias dúbidas da vontade e capacidade de levar a cabo moitas das previsións que nel se conteñen”.
Sendo que o que se votaba hoxe era a auto-emenda ao ditame, e que con esa votación se fixaba a posición final sobre os orzamentos, o BNG, en coherencia coa postura mantida no debate da aprobación inicial, abstívose.
Porén, Jorquera subliñou que a auto-emenda introducía modificacións positivas, “recollendo demandas de varios alegantes e do propio BNG”. Canto ás emendas formuladas polo PP, o Bloque votou favorabelmente a maior parte delas ao demandar a estimación da maioría das alegacións, a pesar de que –remarcou Jorquera- os textos presentados pola formación conservadora non reunían os requisitos para seren consideradas tecnicamente propostas de modificación das contas ao careceren de cuantificación económica.