TODO DEPENDE DUNHA AUTORIZACIÓN DO MINISTERIO DE FACENDA, PROBA DA NULA AUTONOMÍA LOCAL
Abstémonos ante o crédito para as indemnizacións polo Castro de Elviña porque o diñeiro pode acabar indo á banca
O suplemento de crédito foi aprobado cos votos afirmativos do PSOE e de Ciudadanos e a abstención de BNG, Marea Atlántica e o Partido Popular.
Explicou no Pleno Jorquera Caselas que o BNG é favorábel a que se explore a hipótese de que se paguen esas indemnizacións con cargo ao superávit despois da sentenza que dá a razón ás persoas afectadas, mais o problema é que o concello ten que obter primeiro a autorización do Ministerio de Facenda en aplicación da normativa da estabilidade financeira. E iso non é doado. Primeiro, porque o pagamento das indemnizacións non era unha obriga contraída a peche do exercicio 2018 (pois a sentenza firme é de marzo de 2019). E segundo, porque “moito nos tememos” que o concello non cumpra co criterio do “período medio de pago” (30 días segundo a lexislación vixente) das súas obrigas contractuais.
E que ocorre se o Ministerio de Facenda non dá o nihil obstat? Pois que o diñeiro procedente do superávit iría integramente a amortizar débeda, isto é, non podería ser utilizado para investimentos ou para satisfacer demandas sociais.
Isto é o que explica por que o BNG non podía votar afirmativamente este suplemento de crédito. De o facelo, “o que estariamos votando é usar unha parte importante do superávit para pagar á banca”.
“Quero lembrar que o ano pasado, durante o Goberno da Marea Atlántica, foi obxecto de crítica que 15 millóns do superávit se destinasen a pagar á banca e non a investimento. E hoxe estamos ante unha situación parecida”, analizou Jorquera, para quen “o noso sentido de voto é coherente coa nosa oposición rotunda aos dogmas das políticas obsesionadas coa chamada consolidación fiscal”.
O que non ten sentido é que un concello saneado economicamente como o da Coruña, “cun nivel de endebedamento totalmente asumíbel e en descenso”, careza da máis mínima autonomía á hora de xestionar os seus superávits, denunciou Jorquera, para quen esta situación é produto da aplicación dos dogmas neoliberais e, en concreto, da reforma do artigo 135 da Constitución española pactada no seu día por PP e PSOE.
A abstención do BNG neste debate quere transformala Jorquera nun “aviso” ao hipotético goberno de coalición que se poda vir a formar no Estado entre PSOE e Podemos para que inclúan na súa axenda a derrogación da normativa sobre estabilidade financeira e “a reforma da Constitución de 2011 en que esta se sustenta”, un marco legal que “afoga a capacidade investidora e de mellora dos servizos públicos dos concellos”.
Na mesma sesión, o BNG votou favorabelmente un suplemento de crédito de 430 mil euros para o inicio do pagamento das indemnizacións ás persoas afectadas polas expropiacións do Castro de Elviña porque neste caso non estaba condicionado a ningunha autorización do Ministerio de Facenda ao non proceder os fondos do superávit de 2018.
Elviña.