O BNG DEFENDERÁ O 5N UNHA MOCIÓN PARA REVITALIZAR ESTA RAMA DA ECONOMÍA CORUÑESAJ
Un plan para superar a crise do pequeno comercio
Jorquera argumenta, no texto dunha moción, que o pequeno comercio debe ter a consideración de “sector estratéxico” dada a súa “importancia na xeración de emprego, no fomento da economía de proximidade e dun consumo responsábel” e tendo en conta tamén “o seu impacto na calidade do espazo urbano”.
Mais ese sector estratéxico está a sufrir unha profunda crise que ten como causas, entre outras, “a proliferación de centros comerciais, a competencia das grandes cadeas e da venda on line”. Como consecuencia, nos últimos dez anos terían fechado na nosa cidade por volta de 800 pequenos comercio, “case a cuarta parte do noso tecido comercial”.
Jorquera entende que o apoio ao pequeno comercio debe formularse a partir dunha concepción transversal das políticas públicas. “A aposta por un espazo urbano de calidade, a mellora da mobilidade e accesibilidade, a integración da nosa oferta comercial na promoción turística son políticas que inciden na revitalización do pequeno comercio”, considera.
É por todo isto que o BNG propón un plan que contemple as seguintes medidas:
1.-Elaboración dun censo de locais baleiros da cidade.
2.-Criación dun banco de locais baleiros co obxecto de os ofertar en aluguer a prezo taxado.
3.-Impulso ao labor de asesoramento e formación.
4.-Integración do pequeno comercio nun plano de urbanismo e de mobilidade sustentábel.
5.-Aplicación de planos coordinados de promoción do turismo e do comercio local.
6.-Promoción dunha imaxe de marca que poña en valor a nosa gastronomía. A Coruña como sede de eventos gastronómicos.
7.-Revitalización dos mercados municipais.