As 24 familias das Rañas van quedar illadas polo viario de acceso ao porto exterior Conexión AC14
A Coruña, 16 de novembro de 2014.- O Plan especial de infraestruturas do vial de acceso ao porto exteriorConexión AC-14 co límite no termo municipal de Arteixo, aprobado inicialmente en Xunta de Goberno Local de pasado venres, supón no caso de materalizarse que as 24 familias que viven actualmente no poboado das Rañas queden totalmente illadas.
A intervención prevista neste plan especial illará o asentamento, invandíndoo ou rodéandoo dun armazón de infraestruturas, e dificultando cando non imposibilitando en condicións normais o acceso e a saída nun poboado moi necesitado de melloras. O estado actual do asentamento das Rañas evidencia a falta de planificación e intervención nos espazos públicos e na rede xeral de infraestruturas (abastacemento de augas, saneamento, pluviais, rede eléctrica e torre de alta tensión incumprindo a distancia de seguridade), ademais da ausencia da adopción de medidas urxentes, estratéxicas e multidisciplinares a seguir a medio e longo prazo que permitan solucionar un problema grave de habitabilidade e de integración social e laboral existente no Concello da Coruña.
Por iso, resulta chamativo que este este plan especial, pensado para beneficio único e exclusivo dos promotores do Polígono de Vío, do Sector SUD-5 (As Rañas, que tamén promoven os Sres. Jove e Collazo) e do complexo Marinera City por conta do erario público municipal, silencie calquera referencia ao seu impacto negativo sobre as 89 persoas que viven no poboado das Rañas e aos problemas de incomunicación que o propio plan vai provocar no caso de excutarse tal e como figura no documento aprobado inicialmente na Xunta de Goberno Local do pasado venres.