O BNG levará a Pleno unha moción para que se rebaixe o prezo do recibo da auga
A Coruña, 13 de novembro de 2014- Tendo en conta que os beneficios millonarios que obtén Emalcsa proceden da venda de auga os orzamentos de 2015 indican que os ingresos de Emalcsa por venda de auga soben a 22,01 millóns de euros-, o Grupo Municipal do BNG levará a Pleno unha moción para que se rebaixe o prezo do recibo da auga o ano que vén. Lembran as nacionalistas que, segundo os orzamentos de 2015 da empresa municipal, as vendas de auga representan cáseque o 93% do importe neto da súa cifra de negocios.
Ademais, as nacionalistas tamén proporán na citada moción unha modificación das ordenanzas fiscais e prezos públicos para que a veciñanza, seguindo o criterio da xustiza social, pague atendendo á súa capacidade económica. E isto, advirten, garantindo o financiamento do Concello e atendendo ás bonificacións legalmente estabelecidas.