A Xunta deixa A Coruña sen equipamentos sociais e sen metro lixeiro
A Coruña, 29 de decembro de 2012.- O BNG da Coruña pon de manifesto que os orzamentos da Xunta de Galiza, que se poderían denominar as contas das desaparicións, renuncian a saírmos da crise con xustiza social e reiteran os incumprimentos do PP. E é que na Coruña non se inviste nin un só euro en equipamentos sociais que axuden a corrixir o empobrecemento e as desigualdades provocadas pola política de recortes do PP. Refírense os nacionalistas aos centros de día prometidos, ao centro de alzhéimer, ás escolas infantís e á residencia universitaria, equipamentos necesarios para a cidade e para os que os orzamentos de 2013 non recollen nin un só céntimo. Alén de incumprimentos en equipamentos sociais, o BNG tamén alude aos reiterados incumprimentos do PP en materia de transporte público, coa desaparición do metro lixeiro, e en materia de mobilidade, coa desaparición do enlace da AP9 co aeroporto.
Ademais, os nacionalistas advirten de incumprimentos respecto dos prazos prometidos na execución de obras, nomeadamente na Fábrica de Tabacos e no Parrote. Para a Fábrica de Tabacos a Xunta de Galiza só consigna 1 millón de euros, cantidade que os nacionalistas consideran insuficiente e que non se corresponde coa perda de patrimonio municipal da Coruña, despois de que o alcalde lle regalara o edificio á Xunta de Galiza, a cambio de nada. Lembra o BNG que o Sr. Negreira se comprometera a que as obras da Fábrica de Tabacos comezarían en xaneiro de 2013.
En relación ao Parrote, o BNG sinala que as cantidades previstas nos orzamentos de 2013 para os próximos anos non se corresponden cos prazos de execución acordados. Engaden que para este ano que entra, en que se prevía o groso da obra, só hai orzados catro millóns de euros, 3 millóns da Xunta de Galiza e 1 millón do Concello da Coruña. A Autoridade Portuaria, propietaria dos terreos en que se executan as obras, aínda non puxo nin un só céntimo, advirten os nacionalistas.
As contas das desaparicións: metro lixeiro e enlace coa AP9
Os nacionalistas chaman a atención sobre dúas clamorosas desaparicións nestes orzamentos de 2013: o metro lixeiro, promesa estrela e reiterada do PP, e o enlace da AP9 con Alvedro, proxectos que contaron con partidas consignadas en anteriores orzamentos.
No que respecta ao metro lixeiro, os nacionalistas pregúntanse de que serviron os estudos elaborados até o de agora, nos que a Xunta leva gastados máis de 1 millón de euros. E é que nos orzamentos de 2013, literalmente, desaparece o metro lixeiro, o proxecto estrela do PP en distintas campañas electorais. Lembran os nacionalistas as campañas ambiciosas do PP sobre o metro lixeiro, con power points en que comparaban a implantación deste medio de transporte na Coruña con cidades como Ámsterdam ou Burdeos.
Nas contas de 2010, dedicáronse 500.000 euros a un estudo para a implantación do metro lixeiro e, daquela, achegábase unha previsión de 1,5 millóns para 2011, de 3 millóns para 2012 e 4,5 millóns para 2013. Nos orzamentos de 2011, lonxe de facer o investimento previsto, a Xunta de Galiza volveu orzar outro estudo, desta vez, valorado en 158.018 euros. E o pasado ano, nas contas de 2012, lonxe dos 3 millóns previstos, a Xunta volveu orzar outro estudo, valorado en 324.246 euros, e cunha previsión de 43.000 euros nos orzamentos de 2013, para seguir estudando o estudado. Porén, nas contas de 2013, ano en que debería entrar en funcionamento este medio de transporte, nin sequera se contemplan eses 43.000 euros previstos para estudos.
O BNG advirte de que tamén desaparece o enlace da AP9 con Alvedro. Nas contas de 2010, recollíanse 500.000 euros, coa previsión de investir 1,5 millóns no 2011 e 1 millón no 2012. Nos orzamentos de 2011 había orzados 60.000 euros e nos orzamentos de 2012 tan só houbo 20.000 euros, cando as previsións iniciais apuntaban ao millón de euros. E, nas contas de 2013, 0 euros para esta conexión, á que o PP renuncia.
A ría do Burgo: reiterados incumprimentos
Sobre a ría do Burgo, para a que a Xunta de Galiza volve consignar unha partida insuficiente, os nacionalistas alertan dos reiterados incumprimentos do Goberno galego. Ano a ano, as contas da Xunta recollen partidas para a limpeza da ría que nunca se executan. De aí que os nacionalistas xa reclamasen en numerosas ocasións, a través de iniciativas en Pleno, que a Xunta de Galiza, alén do Estado, publicase no DOG prazos concretos de execución para a rexeneración da ría. O BNG considera que o saneamento da ría do Burgo e da zona da EDAR de Bens, reivindicacións históricas dos nacionalistas e da Confraría de Pescadores da Coruña, deberían ser unha prioridade, dado que a súa execución crearía riqueza e postos de traballo.