1.917 parad@s máis nun ano demostran que as reformas laborais de PSOE e PP destrúen emprego
Estas cifras, que representan 23.312 dramas familiares, corroboran o que vén denunciando o BNG: as políticas de recortes á inmensa maioría da poboación e as reformas laborais do PSOE e do PP están a afogar máis a cidadanía e lonxe de crear emprego, destrúeno.
Menos Laponias e malgastos de nadal e máis promoción de emprego
O Grupo Municipal do BNG pregúntase que cifra de parados e paradas se ten que acadar para que o Goberno municipal reaccione e adopte medidas que axuden a promover o emprego, empezando polo impulso dos sectores estratéxicos da cidade. Piden os nacionalistas "menos Laponias e malgastos de nadal" e máis promoción de emprego. Esixen ademais que o Sr. Negreira deixe de pregarse aos recortes impostos desde a Xunta e desde o Goberno central e que actúe en defensa da cidadanía e non do seu partido.
Por último, o BNG alude ás mocións aprobadas por unanimidade en Plenos da Corporación Municipal para a defensa de postos de traballo en determinadas empresas afectadas por ERE e lamenta que, transcorridos os meses, o alcalde non arrincara ningún compromiso de ningunha administración en defensa dos traballadores e traballadoras.