Por terceiro ano consecutivo, o Goberno municipal sobe os impostos
A Coruña, 1 de outubro de 2013.- Alén das présas do Goberno local na tramitación das ordenanzas fiscais para o ano 2014 (até o punto de que o Tribunal económico administrativo municipal se queixa porque recibiu a última proposta do Goberno local o 27 de setembro, razón pola que afirma que o prazo para estudar é excesivamente breve e que o seu informe non pode ser tan detallado como sería de desexar), o certo é que a versión deste ano, ao igual que os anos anteriores, evidencia con toda claridade a grande mentira do Goberno local, cando afirma que os impostos se conxelan por terceiro ano consecutivo.
En rolda de prensa esta mañá, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto que non é certo que por terceiro ano consecutivo se conxelen os impostos, porque nunca se conxelaron no que levamos de mandato do Sr. Negreira. Así, no primeiro ano de Goberno (ordenanzas fiscais para o ano 2012 aprobadas no 2011) non houbo conxelación como proba a imposición por vez primeira da tarifa por casamento no pazo de María Pita e o cobro por vez primeira na axuda a domicilio (copago). No segundo ano de Goberno (ordenanzas fiscais para o ano 2013 aprobadas no 2012) tampouco houbo conxelación porque, entre outras cousas, subiu exponencialmente o recibo da auga e o imposto de bens inmóbeis. E este ano non ía ser menos, de modo que tampouco hai conxelación, salientou Carril.
Advertiu de que non hai conxelación desde o momento en que se estabelecen novas tarifas a pagar por servizos polos que antes non se pagaban ou se pagaban menos do que quere cobrar agora o Goberno local (alén da suba en certas tarifas xa existentes). Así se evidencia na documentación aprobada onte na Xunta de Goberno Local. Este é o gran engano da proposta de ordenanzas fiscais do Goberno local para o ano 2014, expuxo. Evidénciase, salientou, entre outras moitas ordenanzas fiscais, con toda a claridade nos números 1, 9, 12, 13, 15 e 51, porque en todas elas se estabelecen novas tarifas por servizos que se viñan dando:
- Ordenanza fiscal número 1, reguladora da taxa por tramitación ou expedición de documentos administrativos, no seu art. 6 inclúense novas tarifas por servizos que se estaban a dar, concretamente por copias de planos de proxectos técnicos xa incorporados a expedientes administrativos (2,50 euros), por copias de informes de tráficos (30 euros), por reposición de tarxetas de circulación con vehículo por rúa peonil (3 euros) e por tarxetas de estacionamento destinadas a persoas discapacitadas (3 euros) por roubo, extravío ou deterioro.
- Ordenanza fiscal número 9, reguladora da taxa de cemiterios municipais, condución de cadáveres e outros servizos fúnebres. No seu artigo 6 estabelécense novas tarifas por redución de restos (20 euros) e por exhumacións verificadas en fosa común (150 euros).
- Ordenanza fiscal número 12, reguladora da taxa por outorgamento de licenzas ou autorizacións para industrias de rúa e ambulantes. No seu artigo 6, inclúense novas tarifas para os decomisos (que van de 30 a 100 euros). De modo que non só retiran a mercadoría senón que ademais para a recuperar, se é que se puider recuperar, hai que pagar. Isto antes non sucedía e a súa imposición ten unha finalidade moi clara, acabar co comercio na rúa de colectivos moi específicos e en clara situación de fraxilidade.
- Ordenanza fiscal número 13, reguladora da taxa polo outorgamento de licenzas e autorizacións administrativas de servizos urbanos de transporte. No seu artigo 6, imponse unha nova tarifa pola expedición de tarxetas identificativas da licenza de taxi por deterioro, extravío ou roubo (3 euros).
- Ordenanza fiscal número 15, reguladora da taxa por prestación de servizos en instalacións deportivas. No seu artigo 6, introdúcese a limitación do uso a dúas horas do rocódromo, cando antes non existía esta limitación temporal.
- Ordenanza fiscal número 51, reguladora do imposto sobre bens inmóbeis. No seu artigo 2, estabelece novos tipos de gravame para os inmóbeis de natureza urbana, con fins de almancenamento/estacionamento, comercial e de ocio e hostelaría (tipo de gravame 0,8).
Estes cambios e outros que tamén se dan na proposta do Goberno municipal para ordenanzas fiscais deixa claro que non existe tal conxelación e que a cidadanía vai pagar por servizos que antes non pagaba ou pagaba en menor contía que a que agora impón o Goberno do Sr. Negreira.