Rosana: Son os orzamentos da desesperación, insuficientes e deixan a ría do Burgo no abandono"
A Coruña, 4 de outubro de 2013.- A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, o responsábel comarcal, Paulo Carballada, e mais o portavoz no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, analizaron o impacto dos orzamentos xerais na cidade e na comarca, uns orzamentos cualificados polo BNG de decepcionantes e da desesperación. Fixérono acompañados do patrón maior da Confraría, Manuel Cao, e do asesor do pósito, Luís Dopico, dada a escandalosa discriminación que sofre a ría do Burgo nas contas de 2014, con 0 euros consignados.
Na súa intervención, Rosana Pérez criticou que o PP cualificara de excelentes os orzamentos cando os investimentos para Galiza representan o 14% dos investimentos totais, mentres que en comunidades como La Rioja esta porcentaxe ascende ao 42%. De feito, até a cidade autónoma de Ceuta supera en porcentaxe a Galiza, salientou. Amais de insuficientes, advertiu de que os 1.339 millóns que recibe o noso país son desequilibrados pois o gordo, 800 millóns, serán destinados á liña férrea de alta velocidade entre Lubián-Ourense. Así é que despois non hai un céntimo para o saneamento da ría do Burgo, apuntou. Non esqueceu advertir de que as contas representan a defunción dos trens de proximidade.
Desde o punto de vista social, a deputada do BNG cualificou as contas como os orzamentos da desesperación, sobre todo, para os máis de 257.000 desempregados que hai no país, as máis de 650.000 persoas que se atopan en situación de exclusión social, as mñais de 120.000 persoas que se atopan vivindo, literalmente na rúa, para os perto dos 800.000 pensionistas e para o estudantado que fica sen bolsa. Rosana Pérez puxo de como o PP lles dificulta a vida a estes colectivos e á cidadanía en xeral, facendo moi complicado chegar a fin de mes. Así, criticou a suba do 0,25% das pensións, unha cantidade moi por debaixo da suba que terá o IPC; o repago en medicamentos hospitalarios, a suba do IVE en produtos sanitarios do 10 ao 21%, a ampliación do aumento dos tipos do IRPF até o 2015 como mínimo ou a ampliación do aumento do IBI (contribución) tamén até o 2015 como mínimo. Tamén aludiu ao encarecemento escandaloso da factura da luz e é a redución do orzamento do Ministerio de Sanidade nun 36%, tesoirazo que recaerá na dependencia e que se traduce no aumento das listas de espera para as persoas dependentes.
Rosana Pérez: De estar saneada a ría, como mínimo, triplicaríanse as familias que vivirían directamente dela
Alén dunha análise xenérica, a deputada do BNG fixo fincapé nos orzamentos territorializados para A Coruña e a comarca, uns orzamentos que non chegan nin até os 100 millóns e que sofren un recorte do 30% respecto dos do pasado ano. Falamos practicamente en exclusiva da cidade, porque o Partido Popular esqueceu a comarca nestes orzamentos, sinalou. Apuntou, a continuación, que a meirande parte das contas van destinadas ao porto exterior (sen conexión ferroviaria), ao aeroporto e á terceira rolda (que soporta un novo atraso). Porén, advertiu de que o Ministerio de Fomento, departamento á que se adscriben estas tres cuestións, é coñecido por deixar sen executar o 40% do que inicialmente consigna. Non nos confundamos, que o Goberno central non inviste sequera o que está sobre o papel, engadiu.
Fixo fincapé a parlamentar nacionalista nos principais motores económicos da comarca: as rías, principalmente, a ría do Burgo, á que o PP premia con 0 euros. Gustaríame saber que opinan os deputados do PP da Coruña, Antonio Erias, Tristana Moraleja e o ex concelleiro Juan de Dios Ruano, salientou. Cos 0 euros para a ría do Burgo, o PP rexeita de pleno potenciar o sector pesqueiro e mesmo o turístico, afirmou. De estar saneada a ría, como mínimo, triplicaríanse as familias que vivirían directamente dela, engadiu. Para concluír, lembrou que os orzamentos do pasado ano tampouco recolleron cartos para a ría e que o PP botou abaixo a emenda parcial de 2 millóns de euros reclamada polo BNG para a ría do Burgo.
Paulo Carballada: Os orzamentos esquecen as necesidades da comarca
Na mesma liña, o responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, puxo de manifesto que os orzamentos xerais de 2014 esquecen as necesidades da comarca da Coruña e advertiu de que non crean nin riqueza, nin emprego nin benestar. O PP renuncia a que a Coruña sexa motor de desenvolvemento económico e social, denunciou. Amais de criticar a discriminación da ría do Burgo nas contas do Estado, fixo o propio coa ría de Sada e coa zona do emisario de Bens. Tamén criticou o esquecemento do tren de proximidade A Coruña-Ferrol e a carencia flagrante da conexión por ferrocarril do porto exterior. O esquecemento do PP das partidas en materia de seguridade viaria, en distintos puntos da comarca foron tamén centraron as críticas de Paulo Carballada, que anunciou que o BNG consensuará cos movementos sociais as emendas de cara a corrixir as deficiencias das contas para o 2014.
O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, que cualificou os orzamentos de troikistas (da troika) e de austericidas, tamén incidiu na perda de oportunidade que supón deixar a ría do Burgo a cero. Chama a atención, sinalou, como o Goberno central renuncia a dinamizar os sectores produtivos á vez que gasta cartos nunha obra carente de interese xeral como é o túnel da Mariña.
Manuel Cao: De termos 2.182 persoas vivindo da ría do Burgo en, temos só 132, e aínda así o Goberno central déixanos a 0
Ademais, o patrón maior da Confraría da Coruña puxo de manifesto o desamparo ao que se ve sometido o colectivo de mariscadores con este rexeitamento aos sectores produtivos. Advertiu de que de haber 2.182 persoas traballando na ría do Burgo en 1989 pasouse a haber tan só 132 na actualidade.
Manuel Cao esixiu que o Goberno central destine unha partida ao saneamento integral da ría, máxime en tempos en que o desemprego afoga a cidade e a comarca, e revelou que reclamará perante a Unión Europea dado o abandono que a Administración central lle impón á ría.