O Sr. Negreira négase a adoptar medidas contra @s imputados do "Pokemon" e négase a cesar a Flores
A Coruña, 3 de febreiro de 2014- O Partido Popular votou en contra da moción presentada polo Grupo Municipal do BNG sobre as medidas a adoptar polo alcalde en relación ás persoas imputadas no caso Pokemon. O voto en contra do PP pon de manifesto que o Sr. Negreira se nega a adoptar medidas contra estas persoas, a cesar o Sr. Flores como portavoz do Goberno local e como membro da Xunta de Goberno e a explicar se tiña coñecemento das actuacións do Sr. Flores que constan nas gravacións publicadas nos medios de comunicación. E é que no primeiro punto da moción, o BNG instaba o alcalde a adoptar medidas contra as persoas imputadas, exixindo as dimisións dos concelleiros, cesando o persoal eventual de confianza e apartando as persoas funcionarias de todo proceso administrativo relacionado con contratacións. No segundo punto, o Bloque emprazaba o alcalde a cesar o Sr. Flores como membro da Xunta de Goberno Local e como portavoz do Goberno Local, na medida en que das gravacións se deduce que utilizou o cargo para cuestións totalmente diferentes ás que lle corresponden a un representante público e con fins espurios. E, no terceiro punto, o Grupo Municipal do BNG pedíalle ao alcalde esclarecer, de inmediato, se tiña coñecemento ou non das actuacións que constan nas gravacións do Sr. Flores, e se esas actuacións do portavoz municipal eran a título particular ou en representación dos intereses do Partido Popular.
Carril insistiu en diferenciar responsabilidade penal de responsabilidade política
O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, comezou a súa intervención aludindo á sesión plenaria anterior, en que o Bloque formulou unha pregunta oral onde puxo de manifesto que a política era unha vocación de servizo público e que se debía exercer conforme a uns principios mínimos e básicos: ética pública, confianza e responsabilidade ante a cidadanía. Lembrou que, no anterior pleno o BNG, insistira moita en diferenciar responsabilidade penal de responsabilidade política, na medida en que se trata de cuestións diferentes e no curso de cuestión moi diferentes tamén. De feito, insistimos e seguimos insistindo en que desde o punto de vista penal, desde o punto de vista da posíbel exixencia de responsabilidades penais, o BNG acredita na presunción de inocencia das persoas. Dixémolo no pleno anterior e volvémolo dicir agora, salientou. Unha cousa é a presunción de inocencia respecto de actuacións xudiciais e outra cousa moi distinta é a responsabilidade política, en canto nos atopamos diante dun servizo público e os parámetros de funcionamento son distintos, engadiu.
Nesta liña, Carril expuxo que unha actuación política pode ser delitiva ou non, xa expresamos no anterior pleno que esperanos que aquí non o sexa, pero pode ser totalmente contraria e totalmente incompatíbel coa ética e coa obxectividade, amais doutra serie de principios. E nesa clave, na política, e non na clave da exixencia de responsabilidade penal, foi pola que fixemos a pregunta oral na sesión anterior e pola que trouxemos esta moción a pleno, apuntou.
A continuación, aludiu á publicación de parte das gravacións que poden dar pé ou non a responsabilidades penais, pero desde o punto de vista político, desde o punto de vista da ética e da obxectividade, evidénciase que os cargos públicos están a facer actuacións con fins espurios. Por iso, o BNG exixe a responsabilidade política, xa que non se actuou conforme a ética pública, ao principio de confianza e mesmo ao principio de obxectividade. Por iso, o BNG solicita a dimisión dos concelleiros, o cese do persoal confianza e apartar os funcionarios, salientou. Carril dirixiuse ao Sr. Negreira para lle apuntar que vostede non ten competencias para exixir a dimisión do Sr. Flores, pero, como alcalde, si pode reestruturar o seu equipo de goberno e cesalo como membro da Xunta de Goberno Local e como portavoz do Goberno. E ten que explicar se tiña coñecemento ou non das actuacións e aclarar se eran actuacións a nivel particular do Sr. Flores ou se respondían aos intereses do Partido Popular, concluíu.
Exposición de motivos da moción
Na exposición de motivos, o Grupo Municipal do BNG salientaba que a política é unha vocación de servizo público, que se debe exercer conforme aos principios da ética pública, da confianza e da responsabilidade ante a cidadanía. Engadía que a ética, a confianza da cidadanía e a responsabilidade rexen a actuación da política como servizo público. Por iso, cando os cargos políticos son imputados pola súa función pública, nace unha sospeita que atinxe á confianza da cidadanía sobre as institucións públicas e que esa sospeita só cesa coa depuración de responsabilidades políticas, a través das dimisións e ceses dos cargos políticos e de confianza.
Facía fincapé o Bloque na necesidade de non confundir responsabilidade política con responsabilidade penal, porque non son o mesmo. A presunción de inocencia penal é unha garantía individual do imputado nunha causa penal para a súa protección durante o procedemento xudicial de exixencia de responsabilidades penais. E a responsabilidade política ten como fin a protección de intereses colectivos (non individuais) e públicos, tales como a ética pública, a confianza e a responsabilidade que deben operar no exercicio da política, e que creban cando os responsábeis políticos imputados seguen no cargo mentres as súas condutas non sexan condenadas por delito. Son cousas diferentes e non se pode facer depender unha da outra, porque provoca a perversión da presunción de inocencia e da responsabilidade política. Un comportamento pode non ser delitivo, mais si incompatíbel cos principios éticos do bo goberno, engadía. Sexa cal sexa o resultado penal, o dano sobre aqueles intereses colectivos estaría feito por manterse no cargo e pagaríase coa desconfianza, co afastamento e co desapego da cidadanía, mais tamén co descrédito do Público e das Institucións democráticas, sementándose con isto o caldo de cultivo para a xestión por tecnócratas autoritarios (ou fascismo), que é o que está a pasar, recollía o Grupo Municipal do BNG nesta moción.
Na exposición de motivos da iniciativa, o Bloque tamén apuntou que coñecemento do contido das gravacións en relación ao caso Pokemon, ao se levantar parte do segredo de sumario, despréndese que as actuacións do portavoz do Goberno municipal da Coruña, con independencia das responsabilidades penais que puideren existir, non só eran contrarias ao que se espera dun cargo público senón que son totalmente incompatíbeis co exercicio dun cargo público como concelleiro, razón pola que o Sr. Flores debería dimitir.
Por último, o Grupo Municipal do BNG expuña na iniciativa que a responsabilidade pola que debe rexerse todo cargo público implica actuar conforme á legalidade, á ética pública e ao principio de confianza, mais principalmente, conforme ao principio de obxectividade, isto é, ten que utilizarse o cargo para cumprir as funcións de servizo público e non para intereses puramente particulares ou partidistas. Un cargo público non pode facer uso do mesmo con fins espurios, concluía.
O PP impediu o debate das mocións presentadas polo BNG contra a suba da cotización ás persoas autónomas e contra a privatización do mantemento e conservación de edificios do Sergas na cidade
Pola outra banda, o PP tamén pasou o rolo da maioría ás outras dúas mocións presentadas polo BNG. Unha das mocións estaba encamiñada a demandarlle ao Goberno central un posicionamento contrario á suba nas cotizacións para persoas autónomas e pequenas empresas. Tamén instaba o Goberno central a aprobar as reformas lexislativas necesarias de cara a promover unha reforma fiscal verdadeiramente progresiva, que gravase as grandes fortunas e grandes empresas, perseguise a fraude fiscal e non incrementase as cargas sobre as persoas autónomas e pequenas empresas. Ademais, emprazaba a Xunta de Galiza a pór en práctica políticas activas de emprego en Galiza, como mellor mecanismo para garantir a sustentabilidade da Seguridade Social, con especial incidencia nas políticas sobre a mocidade e as mulleres, os segmentos máis vulnerábeis para a obtención de emprego.
Na outra moción, o BNG emprazaba a Xunta de Galiza a paralizar a privatización do servizo de mantemento e conservación de instalacións do Hospital Teresa Herrera e edificio anexo, Hospital Marítimo de Oza e edificio anexo (Hospital de Día de Psiquiatría), Hospital Abente y Lago (Hospital, Centro de Consultas Externas e Centro de Atención Primaria cos seus andares administrativos), Centro de Especialidades do Ventorrillo (Centro de Saúde e Centro de especialidades), da Lavandería da Agrela e mais do Hospital de Cee. Nesta iniciativa o BNG tamén reclama que o servirzo se mantivese dentro do sistema público, cos 85 traballadores e traballadoras que viñan desenvolvendo estes labores.