Bravo pídelle ao PP unha axuda para eximir do 90% do IBI a hostaleir@s e comerciantes da Gaiteira
A Coruña, 8 de xaneiro de 2014.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo reuniuse na mañá de hoxe coa asociación veciñal Oza-A Gaiteira-Os Castros para lles dar conta das iniciativas presentadas recentemente polo Bloque sobre o barrio e para lles informar sobre as respostas do Goberno municipal, un Goberno que ten os barrios completamente esquecidos.
En declaracións aos medios, na rúa da Gaiteira, María Xosé Bravo volveu pedirlle ao Goberno do Sr. Negreira un sistema de axudas as e os comerciantes e as e os hostaleiras desta rúa, que acumula 9 meses de obras, para os eximir do pago do 90% do Imposto de Bens Inmobles (IBI). A concelleira nacionalista reiterou esta solicitude despois de que o Goberno do PP botara abaixo a reclamación do BNG á ordenanza fiscal 51, sobre o IBI, en que se solicitaba o estabelecemento desta axuda a un sector afogado pola crise e por 9 meses de obras. Esta rebaixa parécenos fundamental na medida en que hai unha queixa xeneralizada sobre estas obras, que lles supuxeron un grande atranco, sinalou.
Ademais, María Xosé Bravo emprazou o alcalde a dialogar con estes hostaleiros e hostaleiras e comerciantes e coa asociación veciñal para coñecer de primeira man como lles afectaron as obras. Precisamente, a concelleira do BNG salientou como unha das grandes eivas deste Goberno do PP a falta de diálogo e de defensa dos intereses da cidadanía.
O BNG acusa o Goberno do Sr. Negreira de ser cómplice do abandono do Corralón
A continuación, a concelleira do BNG deu conta da pregunta escrita sobre o solar do Corralón, un espazo de titularidade privada que se atopa nunha situación de abandono total, con sucidade e ateigado de ratas. Preguntámoslle ao Goberno municipal se tiña a intención de estabelecer algunha negociación cos propietarios para permitir o uso do solar de xeito provisional, sinalou Bravo. Na resposta, o Goberno desenténdese e contéstalle ao BNG que é un solar dunha empresa que se atopa en concurso de acredores e cuxo principal acreedor está en negociacións para a posíbel construción dun aparcadoiro, engadiu.
María Xosé Bravo criticou o desleixo do Goberno municipal e que se desentendera dunha posíbel mediación para que os propietarios puidesen, de xeito provisional, amañar o espazo para goce e disfrute dos veciños e veciñas, tal e como ten reclamado, en reiteradas ocasións, a asociación veciñal.
O BNG critica que o Goberno municipal anulara o proxecto de recuperación da batería de Oza
Pola outra banda, a concelleira do BNG aludiu a outras das solicitudes das nacionalistas en relación ao barrio: a recuperación da batería de Oza. Logo de pensar que estaba en marcha, vimos de coñecer, a través dun decreto de Alcaldía, que o Goberno do Sr. Negreira anulou no mes de novembro o crédito comprometido para a recuperación da batería, criticou.
Lembrou Bravo que no mes de xullo, o Goberno municipal licitara o proxecto para a recuperación da batería por 18.745,93 euros, un proxecto, denunciou, que non se vai acometer.
A AVV Oza-Gaiteira-Os Castros denuncia o trato discriminatorio do Goberno do Sr. Negreira co barrio
Tamén en declaracións aos medios, o presidente da AVV Oza-A Gaiteira-Os Castros, Paulo Sexto, denunciou o trato discriminatorio do Goberno municipal co barrio e criticou a súa actitude sectaria, pois segue sen recibirnos e sen querer escoitar as reclamacións das veciñas e veciños. Solicitamos varias reunións cos concelleiros e néganse a reunirnos, salientou. Ademais, denunciou que o Goberno municipal nin sequera responde os escritos que presenta a entidade veciñal para que acometa melloras no barrio.
Máis unha vez, Paulo Sexto esixiulle ao Goberno do Sr. Negreira unha reunión para que coñeza as problemáticas dos Castros, nomeadamente no que respecta ao pequeno e mediano comercio e á hostalaría salientou o caso da Gaiteira e da rúa da Mercé-, á accesibilidade ou ao uso de espazos por parte das veciñanza.