A incompatibilidade da concelleira de Cultura, a Pleno
A Coruña, 7 de setembro de 2012.- O concelleiro nacionalista Xan Caxigal ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para informar dos asuntos que o BNG levará ao Pleno ordinario que terá lugar o próximo luns, 12 de setembro. A incompatibilidade en que incorreu a concelleira de Cultura, as festas nos barrios, as antenas de telefonía, a supresión da paga extra de nadal aos empregados municipais, a reforma do Réxime Local, o servizo de transporte urbano e o espazo radioeléctrico son algúns dos asuntos que o BNG tratará no Pleno.
Preguntas orais: incompatibilidade da concelleira de Cultura, festas nos barrios e antenas de telefonía móbil
No que respecta ás preguntas orais, Caxigal informou de que o BNG lle preguntará ao Goberno do Sr. Negreira polas medidas que vai adoptar sobre a incompatibilidade en que incorreu a concelleira de Cultura, Ana Fernández, por desempeñar o cargo de conselleira en sociedades ao tempo que contaba con réxime de dedicación exclusiva do Concello da Coruña.
Caxigal criticou que o Sr. Negreira lle minta á cidadanía para ocultar os intereses desta concelleira. Neste contexto, o BNG esixe que o Goberno local explique por que a Ana Fernández aprobou na XGL o convenio de colaboración entre Augas de Galiza, o Concello da Coruña e Emalcsa para a xestión e a explotación do encoro de Cecebre, cando a empresa matriz da súa familia, Fergo Galicia, posúe o 60 por cento do capital social de Minicentrales Eléctricas de Galicia, S.L., empresa que ten a concesión do aproveitamento hidroeléctrico.
Ademais, os nacionalistas preguntaranlle ao Goberno local cales son os motivos que o levaron a deixar sen apoio as festas organizadas polos barrios de Palavea, O Castrillón, Os Rosais, O Barrio das Flores, Monte Alto e Novo Mesoiro.
Outra das preguntas orais que realizará o BNG no Pleno ten a ver coa instalación de antenas de telefonía móbil, logo da preocupación amosada polos veciños e veciñas dos Rosais, onde o Goberno do Sr. Negreira deu luz verde a unha estación de telefonía móbil. Os nacionalistas preguntaranlle ao Goberno local se ten pensado seguir mantendo as distancias de seguridade das antenas respecto das zonas sensíbeis, como colexios, hospitais, zonas verdes e outros espazos públicos.
No capítulo de mocións, o BNG levará a Pleno propostas relativas aos traballadores e traballadoras municipais, á reforma do Réxime Local e ao servizo de transporte urbano.
O BNG pide manterlles a paga extra aos empregados e empregadas do Concello da Coruña
Unha das tres mocións presentadas polos nacionalistas encamíñase a impedir a perda de poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos afectados polo decreto 20/2012, imposto de xeito unilateral polo Goberno central. Caxigal explicou que eliminarlle a paga extra aos empregados e empregadas da administración local é unha medida "profundamente inxusta e equivocada, porque afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, nomeadamente ao pequeno e mediano comercio da Coruña".
Por iso o BNG pedirá compensar a perda de poder adquisitivo dos empregados e empregadas municipais.
O BNG propón a reforma do réxime local e a supresión das Deputacións
Tamén en relación co decreto 20/2012, o BNG rexeita as medidas económicas e a reforma do réxime local, dado que, tal e como expuxo Caxigal, "reforza unha estrutura institucional caduca e sen utilidade, como son as deputacións provinciais". O nacionalista sinalou que "de querer levar a cabo unha reforma do mapa local con racionalidade, as funcións da deputación poderían ser asumidas polo Concello e pola Xunta de Galiza". De aí que o BNG solicita na moción a súa supresión. "Suprimindo as deputacións provinciais aforraríanse máis cartos e os Concellos poderían dispor de máis fondos para atender directamente os servizos básicos que prestan", salientou.
Ademais, a moción rexeita a redución de concelleiros e concelleiras. "A incidencia no gasto público desta medida do PP é ínfima tendo en conta que a maior parte dos cargos electos locais non perciben retribucións por dedicación exclusiva", puxo de manifesto. "O que se agocha detrás desta proposta é unha tentativa de eliminar o pluralismo político, para reforzar no eido local un bipartidismo que está en crise e para impedir, así, que as forzas alternativas teñan voz e capacidade de decisión nos gobernos locais", apuntou Caxigal na rolda de prensa.
A moción recolle outras propostas do BNG como unha reforma fiscal que grave as grandes fortunas, a banca privada e as grandes corporacións industriais; que o diñeiro público que vai destinado ao sector financeiro vaia dirixido á creación dunha banca pública que financie a economía produtiva e as pequenas e medianas empresas ou unha férrea regulación do sistema financeiro.
O BNG solicita a mellora do autobús urbano e a baixada do prezo dos billetes
O servizo de transporte urbano de viaxeiros e viaxeiras centra outra moción presentada polo BNG, que reclama a creación dunha comisión municipal de investigación das contas da Compañía de Tranvías, revisarlle a concesión a esta empresa, revisar o sistema de cálculo de prezos e o sistema de outorgamento de subvencións á compañía e revisar á baixa o prezo do billete do autobús. Ademais, os nacionalistas reclaman mellorar os servizos de bus, co fin de que as liñas unan os barrios entre si, cos polígonos industriais e cos puntos estratéxicos da cidade, así como a renovación da frota.
"A que esperan o Sr. Negreira a revisar esta concesión vistos os novos e suculentos beneficios da Compañía de Tranvías por conta da cidadanía?", preguntouse Caxigal na rolda de prensa. Lembrou o concelleiro nacionalista que os últimos datos de 2011 reflicten que o Concello lle outorgou á empresa 8 millóns de euros en subvencións, que representan o 36,28 por cento da cifra de negocios da empresa. "É un escándalo que o Concello lle incremente as subvencións ano a ano coa situación dramática que viven milleiros de familias na Coruña", apuntou. E é que as subvencións achegadas polo Concello permitíronlle, un ano máis, á Compañía de Tranvías, que non gastou nin un céntimo en I+D+i, repartir entre os seus socios 2 millóns en dividendos.
O BNG pide nun rogo a reserva de espazo radioeléctrico para Cuac FM
Ademais, Caxigal deu conta do rogo presentado polo BNG para solicitar unha reserva de espazo radioeléctrico suficiente e unhas licenzas de emisión que garantan un reparto equitativo para que Cuac FM poida emitir en igualdade con outros operadores, despois de que a Xunta de Galiza excluíra as radios comunitarias das licenzas para a FM.
Este rogo, explicou Caxigal, súmase á iniciativa presentada polo deputado e candidato do BNG á Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, nesta mesma liña.
Moción sobre os empregados e empregadas públicas
Moción sobre a Compañía Tranvías
Moción sobre a reforma do réxime local