O BNG apoia os profesionais do servizo de bombeiros e rexeita a creación do Grumir na Coruña
A Coruña, 9 de setembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG amosa o seu apoio aos profesionais do servizo de extinción de incendios e salvamento do Concello, que se concentrarán mañá na praza de María Pita contra a creación do Grumir que anunciou o Goberno do Sr. Negreira. Pregúntanse os nacionalistas que está tramando o PP, xa que, tal e como recollen os convenios asinados até o momento entre a Fegamp e a Xunta de Galiza (achegámolos xunto á nota), non hai ningún acordo co Concello da Coruña para a creación do Grumir.
É por iso que o BNG denuncia o escurantismo do hipotético convenio coa Xunta de Galiza ao que aludiu o Goberno local. A 13 de agosto de 2012, a Fegamp e a Concellaría de Medio Rural asinaron un convenio para o Grumir (persoal en concepto de formación) e na relación de Concellos non se atopa A Coruña. O mesmo acontece no caso do convenio asinado a 12 de xuño de 2012 entre a Fegamp e a Consellaría de Presidencia (persoal estábel), tampouco aparece A Coruña na relación de concellos.
Os nacionalistas témense que o Sr. Negreira cree algo semellante ao Grumir só para colocar os seus amigos pola porta de atrás. Non hai xustificación técnica para a creación deste servizo, xa que están pensados para Concellos de menos de 20.000 habitantes e na Coruña xa existe un dos mellores Servizos de Extinción de Incendios e Salvamento de Galiza. Non ten sentido que haxa un Grumir onde hai un servizo de bombeiros.
Os nacionalistas pregúntanse que está a tramar o Goberno do Sr. Negreira porque non existe convenio ningún coa Xunta de Galiza para a creación do Grumir na Coruña
Advirte o BNG que é un despropósito que o Goberno do Sr. Negreira pretenda constituír un grupo de intervención con persoal temporal contratado por seis meses dos que tres meses serían destinados a cursos de formación. Neste sentido, o BNG ve unha irresponsabilidade que o Goberno local pretenda substituír persoal con anos de experiencia e de formación por persoal que sería contratado por só seis meses.
Ademais, a creación dun Grumir no Concello da Coruña podería resultar prexudicial para a seguridade da cidadanía. Podería darse o caso de que o Grumir interviñese nun accidente que non for quen de atender, perdendo un tempo que podería ser aproveitado polos profesionais do servizo de extinción e salvamento, con anos de experiencia e de formación.