Diante das políticas da U.E. que prexudican á economía galega o BNG aposta polo que é noso
Xosé Manuel Carril estivo hoxe na feira de Carballo reivindicando o noso dereito a vivir do noso agro e das súas riquezas, moi presentes na comarca de Bergantiños, sinaladamente a pataca de Coristanco e o sector vacún.
Demandou outro sistema de reparto das axudas para que estas vaian aos labregos e ás labregas galegas que traballan a terra e non aos grandes terratenentes de latifundios de España que non as traballan, como Mario Conde e a Duquesa de Alba entre outros.
O candidato ao Parlamento europeo e portavoz municipal do BNG tamén esixiu outro cambio na política comercial da UE que favorece a entrada de produtos de países mesmo de fóra da UE, en detrimento dos produtos galegos, e que non teñen a mesma calidade dos nosos, como é o caso da pataca de Exipto fronte a de Coristanco.
Xosé Manuel Carril, candidato número 2 ás eleccións europeas polo BNG, estivo esta mañá na feira de Carballo acompañado do alcalde desta localidade, Evencio Ferrero, e de compañeiras do BNG, para reivindicar o noso dereito a vivir do noso agro e das súas riquezas, moi presentes na comarca de Bergantiños, sinaladamente a pataca de Coristanco e o sector vacún.
O candidato nacionalista sinalou que malia que a Unión Europea destina moitos recursos públicos para a súa Política Agraria Común o certo é que os criterios de reparto son máis que discutíbeis porque as axudas non están vinculadas á produción e ao traballo da terra. Trátase dun sistema de reparto que beneficia os grandes propietarios de terras dos latifundios de España, que non as traballan, como Mario Conde e a Duquesa de Alba entre outros, e que prexudica aos labregos e ás labregas galegas e ao sector agrario galego que pola contra si as traballan.
Ademais, Xosé Manuel Carril, sinalou que non só é inxusto este sistema de reparto das axudas senón que a política comercial da Unión Europea, moi dependente do que di a Organización Internacional do Comercio, favorece a entrada de produtos mesmo de fóra de países da UE, como é o caso da pataca de Exipto, e todo isto sen ningún medio que garanta a presenza da pataca galega, como por exemplo a de Coristanco, e sen unha política de prezos que permita vivir da súa venda aos seus produtores. Por iso, afirmou o nacionalista, é importante apostar por políticas que impliquen a intervención dos poderes públicos (da Unión Europea, do Estado e de Galiza) para garantir que os produtos galegos como a pataca, entre outros moitos, non se veñan abaixo pola chegada de produtos de fóra da UE que non teñen a mesma calidade e que se producen sen os estándares de calidade que se lles esixe aos produtos galegos.