Ante o "silencio institucional" o BNG esixe políticas de igualdade real
Non é con silencio como se acaba co terrorismo machista
De nada serve gardar minutos de silencio se os gobernos recortan en políticas de igualdade e de loita contra a discriminación da muller
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego sinala, en relación co minuto de silencio do Pleno de hoxe polo asasinato dunha veciña da nosa cidade, que non é con minutos de silencio como se acaba co terrorismo machista. Así, e por respeto a Belén e a todas as mulleres asasinadas esiximos políticas de igualdade real e onde nos encontrarán será na loita feminista e no berro de toda a cidadanía contra o terrorismo machista.
O BNG teno claro; de nada serve gardar minutos de silencio cando os gobernos recortan en políticas de igualdade e de loita contra a discriminación da muller.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto, tamén, que ao rematar a declaración institucional, a cal non se lles deu a coñecer antes do Pleno e iso que se facía en nome da Corporación e o venres xa se anunciara que a ía haber, quixeron explicar o porqué se ían ausentar no Pleno, mais o Alcalde negoulles a palabra. Ao final do Pleno tentaron, novamente, explicar as súas razóns mais, de novo, o Alcalde negoulles poder dar as súas razóns.