O BNG, con todo en contra, obten un gran resultado e repite escano coa coalicion Os Pobos Deciden
O BNG cualificou de moi positivos os resultados electorais que lle permiten repetir escano no Parlamento Europeo dentro da coalición Os Pobos Deciden, á que aporta un total de 80.000 votos, 8% do sufraxios, apenas un punto por debaixo das eleccións europeas de 2009.
Para o portavoz nacional, Xavier Vence, este resultado é un refrendo do traballo feito polo BNG no Parlamento Europeo en defensa de Galiza ao longo destes anos, tras recalcar o que o resultado é especialmente meritorio, no contexto no que se desenvolveu a campaña electoral con todo en contra para o BNG.
Neste sentido, subliñou a mordaza nos medios de comunicación públicos, o intento de criminalización da coalición electoral e a estratexia dos partidos políticos estatais, -sobre todo o PP-, de darlle un perfil baixo a campaña electoral, para favorecer a abstención e non debater sobre os problemas reais do país relacionados con Europa, e menos aínda das alternativas para Europa.
O BNG aporta á coalición Os Pobos Deciden 80.000 votos.
Para o portavoz nacional, quedou claro que, aínda no peor escenario, unha parte importante da cidadanía galega confía no nacionalismo de esquerdas como opción necesaria para o país e o BNG quere ser o motor que lidere ese nacionalismo, salientou, tras agradecer o apoio dos 80.000 galegos e galegas que confiaron no Bloque, e tras un recoñecemento expreso á entrega da militancia e dos simpatizantes ao longo de toda a campaña.
Vence tamén deixou claro que os resultados supoñen o estourido do bipartidismo españolista do PP e do PSOE, que sae tocado e fundido, con menos do 50% dos votos emitidos no conxunto do Estado. É unha derrota en toda regra das políticas da Troika, das políticas de recortes ás que a cidadanía lles dixo basta, explicou.
A candidata Ana Miranda ratificou o seu compromiso coa xente do común do país que volverán contar, dixo, cunha voz amiga, cunha voz que dará a cara por eles. Miranda fixo un emotivo recoñecemento tanto a militancia como a todos os galegos e galegas que senten que temos Patria, que temos país que debe ter voz propia no corazón de Europa.