Bravo: "O PP desoe as AVV da Coruña, que fan o mellor diagnóstico das necesidades do pobo"
A Coruña, 3 de xaneiro de 2014.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo fixo balance esta mañá da rolda de contactos que levou as nacionalistas a se reuniren con 18 asociacións veciñais da cidade, na Agra do Orzán, nos Castros, en Bens, nos Rosales, nos Mallos, en Visma, en Novo Mesoiro, Mesoiro e Vío, no Castrillón, en Monte Alto, no Birloque, no Martinete e Someso, en Labañou, en Eirís, no Ventorrillo, Cances, A Moura e Penamoa, en Palavea, en Feáns, na Cidade Vella, en San Vicenzo de Elviña e mais en Nostián. A edila do Bloque puxo en valor, ante os medios de comunicación, da capacidade das asociacións veciñais de ter a visión da cidade en conxunto e de facer o mellor diagnóstico das necesidades, tanto en urbanismo, en educación, en políticas sociais, en vivenda, en cultura ou en servizos sociais. Porén, criticou o sectarismo do Goberno do Sr. Negreira, que en lugar de facer da participación da veciñanza un valor, crea un problema.
As asociacións veciñais son esa cidadanía activa que non se resigna e que está sempre aí, como unha rede de apoio ás persoas, e queren e teñen dereito a ser parte da solución, salientou María Xosé Bravo en rolda de prensa. A edila do BNG sinalou que, froito destas xuntanzas coas asociacións de veciños e veciñas, o Bloque presentou ao redor dun cento de reclamacións aos orzamentos municipais, reclamacións todas elas tombadas polo Partido Popular. De aí que Bravo acusara o Sr. Negreira de elaborar os orzamentos de costas aos barrios. Ao PP non lle importa ter gastado 3 millóns no túnel Parrote e gastar 4 millóns no túnel da Mariña cando deixa abandonados os barrios e cando as entidades veciñais non se senten escoitadas, denunciou.
Nesta liña, María Xosé Bravo aludiu a unha crítica común dos veciños e veciñais: o Goberno municipal do Partido Popular non recibe as entidades veciñais e moitas delas recibiron o non cando trataron de falar co alcalde ou co concelleiro de Urbanismo. O Goberno do Sr. Negreira ten tres concelleiras de barrio que as poucas veces que van aos barrios van acompañadas de militantes do PP e non das asociacións de veciños e veciñas, criticou María Xosé Bravo, quen sinalou que esta é outra das apreciacións que lles achegaron ao Bloque distintas AVV.
Perto dun cento de propostas rexeitadas polo Goberno do Sr. Negreira
A continuación, a concelleira do BNG deu conta de exemplos do perto de cen propostas recollidas polas nacionalistas das reunións coas asociacións de veciños e veciñas, e que foron presentadas como reclamacións aos orzamentos de 2014.
Amais do amaño dos camiños en San Vicenzo de Elviña e de beirarrúas e calzadas en todos os barrios, María Xosé Bravo salientou a demanda de Bens de crear unha praza pública para maiores e para crianzas; a demanda dos Rosales para adquirir o local da praza Elíptica para o movemento asociativo xuvenil e a demanda dos Mallos para aproveitar os escasos espazos verdes dos barrios para dotalos de xardíns e de espazos verdes.
En canto ás necesidades de educación, a concelleira do BNG comunicou a petición dos Castros para cubrir o patio do San Francisco Xabier; a de Feáns, para cubrir o patio do Manuel Murguía; a de Novo Mesoiro, para a ampliación da escola infantil municipal; a de Visma, para abrir un viario verde que comunique o colexio co de Mariñeiros ou a dos Mallos, para o uso das instalacións educativas fóra do horario lectivo.
En materia de tráfico, María Xosé Bravo sinalou que os Castros solicitan mellorar a regulación semafórica mentres que o Birloque pide construír unha rotonda na estrada do lugar do Birloque cara á rotonda de Pocomaco, á altura do ramal das Rañas.
No que ten a ver co urbanismo, os veciños e veciñas de Eirís reclamáronlle ao BNG que se abra o tapón do final da rúa Frei Pedro Paio Piñeiro e a veciñanza do Castrillón pediu rematar o vial entre Casanova de Eirís e A Pasaxe.
En cultura, Novo Mesoiro trasladoulle ao Bloque a necesidade de contar cunha biblioteca municipais, pois a máis próxima se atopa a 3 km. Ademais, Monte Alto reclamou a creación dun roteiro histórico e Palavea, un proxecto integral que dea respostas globais para a xente moza.
En materia de comercio, María Xosé Bravo subliñou a petición da Cidade Vella dun plano de comercio imprescindíbel para revitalizar o barrio, unha demanda que comparten outras entidades veciñais da cidade, como a dos Castros ou a de Monte Alto.