O BNG reivindica o dereito á atención e protección da saúde sexual e reprodutiva das mulleres
A Coruña, 23 outubro de 2014- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, e as concelleiras María Xosé Bravo e Avia Veira participaron na mañá de hoxe na concentración da Plataforma da Coruña polo Dereito ao Aborto e da Plataforma de Defensa da Sanidade Pública da Coruña, das que forma parte o Bloque, para reivindicar o dereito á atención e protección da saúde sexual e reprodutiva das mulleres.
Jorquera, Bravo e Veira, ao igual que as máis de cen persoas que participaron na mobilización, rexistraron cadanseu escrito dirixido ao xerente da Área Sanitaria da Coruña para denunciar os recortes na atención e protección da saúde sexual e reprodutiva das mulleres e para exixir que se cubra de xeito inmediato a praza de Xinecoloxía e mais a de técnico ou técnica en coidados auxiliares de Enfermaría no Centro de Orientación Familiar (COF) do Ventorrillo. Só así será posíbel recuperar as prestacións anticonceptivas e mais as revisións xinecolóxicas no propio centro.