O BNG presenta no asentamento precario das Rañas a campaña #TodasAsCoruñas
A Coruña, 12 de febreiro de 2015- O asentamento precario das Rañas foi o lugar elixido polo BNG-Asembleas Abertas como punto de partida da campaña #TodasAsCoruñas. De maneira simbólica, presentamos Todas As Coruñas nas Rañas como contrapunto a esa cidade excluínte da Mariña e do Parrote, sinalou Xosé Manuel Carril, candidato do BNG-Asembleas Abertas, na presentación ante os medios de comunicación. Carril explicou que #TodasAsCoruñas representa todo o traballo silencioso desenvolvido ao longo dos últimos meses. Todas As Coruñas está concibida sobre a base de vivir a cidade sen exclusións, isto é, o dereito á cidade desde o desexo compartido de facermos un concello para ser vivido. Sinalou que #TodasAsCoruñas, que ten nome de muller, como A Coruña, abrangue as moitas Coruñas que existen, non única e exclusivamente A Coruña acomplexada, snob, elitista e excluínte do Parrote.
O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas puxo de manifesto que con esta campaña enxalzamos as rúas dos nosos barrios como espazo onde poidamos tomar partido. Tomarmos partido e involucrármonos para que o Concello da Coruña sexa unha institución pública ao servizo da Coruña, unha cidade galega e mariñeira, que aposta polos barrios con políticas de emancipación social desde a ética e a responsabilidade do ben común, salientou. Precisamente, este proxecto, no que xogamos moito coas palabras e coa imaxes, fai visíbeis As Coruñas que parecen inexistentes ante as institucións, como é o caso das Rañas, unha zona moi necesitada de actuacións, engadiu.
Manuel, veciño das Rañas: como os demais, tamén somos cidadáns. Que saiba o Concello da Coruña que estamos aquí, que existimos
A continuación, Carril deulle paso a Manuel, un dos veciños das Rañas, quen lle advertiu ao Goberno local de que, como os demais, tamén somos cidadáns. Que saiba o Concello da Coruña que estamos aquí, que existimos, engadiu. Puxo de manifesto que carecen de alumeado público e que o viario de entrada está en tal mal estado que o autobús escolar ten que deixar as crianzas nunha zona afastada das casas. Tamén transmitiu a súa preocupación pola conexión do polígono de Vío, de Jove e Collazo, que pode pode implicar a súa expulsión do poboado.
Carril explicou que o longo dos vindeiros meses, o BNG-Asembleas Abertas percorrerán todas as Coruñas coa caravana dos barrios, a onde a veciñanza se poderá achegar a facer todas as súas propostas. A campaña inclúe unha páxina web á que se irán subindo distintas pezas audivisuais -gravadas polo propio Carril mentres corre- que amosarán as distintas Coruñas. No primeiro vídeo, xa dispoñíbel en www.todasascorunhas.gal poden apreciarse contrastes entre as zonas da cidade.
Carril compara a Política coas carreiras de fondo: TodasAsCoruñas, a nosa carreira de fondo ou de longa distancia, faise pateando os contrastes e as diferenzas
Na páxina web, o candidato do BNG-Asembleas Abertas amosa as súas zapatillas de correr que pretenden ser un contrapunto simbólico a esa non cidade. Nas miñas zapatillas están a chuvia, o sol, o frío, a calor, o asfalto, os camiños de terra, os espazos mal urbanizados, as lameiras, o salitre do mar, o porto, a ría do Burgo, os barrios maltratados, as aldeas, os polígonos, a universidade... Están os espazos das persoas e do pobo que sofren e que forman esa resistencia colectiva de base, transformadora e emancipadora, que avanza sen parar, salienta Carril. E é que #TodasAsCoruñas, a nosa carreira de fondo, faise pateando os contrastes e as diferenzas.
O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas compara a política cunha carreira de fondo cando sinala: a Política é un facer colectivo e que leva o seu tempo se pretende ser realmente emancipadora e feita desde a base. Aseméllase moito a unha carreira de fondo ou de longa distancia. Porque a garantía do bo resultado na transformación está máis na resistencia que hai que ter durante o traxecto que na velocidade ou na présa que teñamos por chegar. A constancia fronte ás adversidades combate a ameaza do desánimo co pracer da coherencia de facer o percorrido sabendo que cada metro que se avanza é un paso seguro.