Carril recolle propostas para impulsar o pequeno e mediano comercio nos Castros
A Coruña, 9 de abril de 2015.- O parque de San Diego foi o escenario que acolleu, no día de hoxe, a caravana de #TodasAsCoruñas, xa que a candidatura do BNG-AA percorreu Os Castros, barrio para o que incluirá máis dunha trintena de actuacións no programa electoral. Estas suxestións achegadas pola veciñanza están encamiñadas a dotar de máis vida e máis actividade económica Os Castros, dado que se trata de actuacións que son a mellor ferramenta para acabar co paro, coa pobreza e cos roubos.
En declaracións aos medios nun estabelecemento comercial da rúa da Mercé, o candidato do BNG-AA, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto que entre as propostas recollidas están as relativas á necesidade de impulsar o pequeno e mediano comercio dos Castros. Entre estas, citou a bolsa de alugueiro de locais con rendas baixas para iniciar actividades con especial protección a persoas desempregadas; a creación e impulso da Área Comercial dos Castros; o apoio a promoción dos locais comerciais situados no pasadizo da avenida de Oza até a rúa da Mercé ou o investimento en infraestruturas que faciliten a accesibilidade.
Outras das reivindicacións das persoas comerciantes, tal e como salientou Carril ante os medios de comunicación, son o fomento e adecentamento das prazas de abasto dos Castros e a concesión de microcréditos para o comercio.
Ademais, o número 1 do BNG-AA salientou outras propostas de actuación fundamentais para o barrio, como son a mellora de accesibilidade nos puntos que representan un atranco para as persoas con mobilidade reducida, como a galería dos Castros, o acceso ao centro de saúde ou o acceso á rúa O Montiño e a colocación de beirarrúas no conxunto do barrio, especialmente na rúa González Chas e na rúa O Montiño. O BNG-AA tamén recolleu demandas para a rehabilitación e dignificación da antiga casa do Concello de Oza e para a recuperación do faro de Oza como espazo de uso para o pobo.
Carril salienta as propostas contra a contaminación e pola sustentabilidade
A veciñanza, que lamentou que o seu barrio só sexa obxecto de preocupación cando se producen roubos, trasladoulle á candidatura do BNG-AA a necesidade de rexenerar a ría do Burgo e de toda a contorna de Oza; de controlar as emisións contaminantes na zona portuaria, así como de rematar coas descargas indiscriminadas de carbón e doutros graneis. Tamén lle pediron aos e ás nacionalistas o seu rexeitamento á instalación de actividades perigosas e potencialmente contaminantes, como o desguace de buques que pretenden instalar en Oza.
Ademais, o cabeza de lista do BNG-AA anunciou que outras das propostas da veciñanza ten a ver co saneamento do río Monelos e con sacalo fóra do seu soterramento nos sitios onde for posíbel.