O BNG e Marea Atlántica mantiveron na tarde de onte un encontro.
A Coruña, 10 de setembro de 2014.-
O Bloque Nacionalista Galego da Coruña valora positivamente a xuntanza que unha delegación nacionalista mantivo onte coa Marea Atlántica para confrontar ideas sobre as respectivas posturas políticas.
O BNG alégrase de que a Marea Atlántica coincida nos seus pronunciamentos coa política que vén desenvolvendo o BNG de combate ao Partido Popular e a un sistema no que o diñeiro manda e a política obedece.
Nos últimos anos vese con maior crueza como a situación de subordinación política e económica ao Estado español só provoca para a Galiza máis desigualdade social, desemprego e emigración. O BNG encóntrase, na actualidade, nun proceso de contraste social a través de asembleas abertas á cidadanía para o alargamento do proxecto nacionalista, co fin de outorgarlle ao pobo galego a soberanía para facer posíbel unha saída á crise a favor da maioría social e facer viábel a construción dunha Galiza libre, digna, democrática, xusta e igualitaria.
O BNG encóntrase nun proceso de contraste social a través de asembleas abertas.
Neste contexto, o BNG deixa a porta aberta para confluír con alternativas dispostas a desenvolver políticas alternativas, sociais, participativas e de defensa dos intereses nacionais de Galiza, no seu proceso de construción nacional, emprazando ás persoas e organizacións que forman parte da Marea Atlántica para que avancen neste camiño.