A modificación do PXOM na fábrica de armas só beneficia o Ministerio de Defensa
A Coruña, 29 de agosto de 2014- A segunda modificación puntual do PXOM da Coruña, consistente en desafectar da zona normal 7 (instalacións especiais) unha parte dos terreos da fábrica de armas para que teñan a cualificación de sistema local de equipamento público, realmente ten como único fin darlle como mínimo un millón de euros ao Ministerio de Defensa. E isto é así porque parte dos terreos da fábrica de armas pasa a ser cualificada sistema local de equipamento público, razón pola que o Concello da Coruña ten a obriga de obter a titularidade pública destes terreos, pagando como mínimo un millón de euros. De se confirmar que estes terreos forman parte dos terreos cedidos no seu día polo Concello ao Ministerio de Defensa para a instalación da fábrica de armas, a lesividade viría tamén polo feito de que o Concello estaría pagando algo que non tería que pagar, tendo en conta que operaría a reversión gratuíta.
Esta modificación vén precedida dun acordo de concesión demanial que é lesivo para os intereses da cidade da Coruña, ademais de ilegal. En primeiro lugar, porque o Goberno local deu por boa a superficie de parte dos terreos da fábrica de armas que dicía Defensa (17.125m2), cando realmente a superficie é de 14.730 m2. E, en segundo lugar, porque o Goberno local aceptou unha concesión demanial na que o valor mínimo dos terreos é de 1 millón de euros, sen que esta contía fose precedida de valoración ningunha polos servizos municipais.
Incorrecta superficie da modificación puntual e valoración económica sen vir precedida de informes municipais previos
Nesta modificación puntual do PXOM, o Goberno local recolle como superficie os 17.125m2 (8.125m2 + 9.000m2) sinalados polo Ministerio de Defensa no acordo de concesión demanial, no lugar de recoller a superficie cuantificada no propio informe municipal que é de 14.730m2.
E non só isto, senón que ademais o Goberno local aceptou o convenio da concesión demanial na que se valoran estes terreos en 1 millón de euros, cando a superficie real é un 14% inferior á fixada en convenio. Ademais, o Concello pacta co Ministerio de Defensa un prezo de adquisición destes terreos precisamente de 1 millón de euros, sen que este valor fose precedido de ningunha valoración por parte dos servizos municipais.
A obrigada obtención da titularidade dos terreos por parte do Concello dada a recalificación urbanística dos mesmos
Os 14.730m2 (e non os incorrectamente 17.125m2) recalifícanse de solo industrial (industrial-instalacións especiais) a dotacional público sistema local (equipamento deportivo-sistema local). Con esta recalificación, o Concello da Coruña obrígase legalmente á obtención da titularidade dos terreos, tendo en conta o que di o artigo 167 da LOUG (obtención de terreos destinados a dotacións locais)*. Aínda que nesta proposta de modificación do PXOM non se precisa o sistema de obtención, no propio acordo de concesión demanial aceptado polo Goberno local queda moi claro na súa cláusula 9ª (durante el referido plazo de 5 años, el Ayuntamiento de A Coruña tendrá una opción de compra sobre el inmueble y las instalaciones objeto de la concesión por un precio de un millón de euros (1.000.000), cantidad que se actualizará con la valoración anual correspondiente del IPC en el caso de que la compra no se produjera durante el primer año de vigencia de la concesión).
De se confirmar que forman parte dos terreos cedidos, operaría reversión e non habería que pagar
O Goberno local pasa por alto un dato moi importante en toda esta operación urbanística de auténtico pelotazo, que é a relativa a se estes terreos forman parte ou non dos terreos cedidos no seu día polo Concello da Coruña ao Ministerio de Defensa para albergar as instalacións da fábrica de armas. De ser así e formar parte, operaría a reversión e non habería que pagar nada. Por esta razón, o Grupo Municipal do BNG solicitou acceso ao expediente de cesión dos terreos (achégase en anexo II) feito no seu día para confirmar se forman parte ou non, visto que o Goberno local ou non o sabe ou cálao.
* Artigo 167. Obtención de terreos destinados a dotacións locais
1. Os terreos destinados polo planeamento a dotacións locais en solo urbano consolidado obteranse mediante expropiación forzosa, por convenio entre a administración e o propietario ou por permuta
forzosa con terreos do patrimonio municipal do solo.
2. Os terreos destinados a dotacións locais en solo urbano non consolidado e en solo urbanizábel obteranse mediante cesión obrigatoria e gratuíta a través do sistema de actuación que se adopte ou por expropiación, ocupación directa ou permuta forzosa.
3. A obrigación de cesión gratuita dos terreos destinados a dotacións de carácter local inclúe tamén a súa urbanización, a costa dos propietarios incluídos no correspondente polígono.