O BNG denuncia a circulación frecuente de vehículos polo paseo do Parrote
A Coruña, 12 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de recibir as queixas de veciños e veciñas que frecuentan o paseo do Parrote e que denuncian a circulación de vehículos non só desde a entrada habilitada en Porta Real cara aos pantaláns, senón tamén desde Porta Real até o Castelo de Santo Antón, atravesando todo o paseo dunha punta á outra para non ter que saír por Porta Real e para evitar, así, o semáforo.
O incremento do tráfico rodado amais de coches, tamén de motos- dáse, sobre todo, durante as fins de semana, precisamente cando o paseo está máis ateigado de familias coas súas crianzas. De feito, segundo veciños e veciñas téñense vivido momentos de tensión entre viandantes e condutores ante o perigo real que representa a circulación de vehículos xunto os peóns. E é que os vehículos autorizados os que fan uso dos pantaláns- poden atravesar o paseo provocando mesmo que os viandantes teñan que pararse ante o paso dun coche.
O 010 desatendeuse na chamada dun veciño da Coruña cuxos netos case son atropelados por un coche con autorización para o seu paso
As nacionalistas fanse eco da denuncia dun veciño da Coruña cuxos netos, dous nenos pequenos, case son atropelados cando estaban brincando polo paseo á altura da porta da Solana que dá acceso ás piscinas. A contestación do 010 a este incidente non foi outra que escusar o Concello, pois o espazo pertence á Autoridade Portuaria, quen é quen lles fornece aos vehículos da perceptiva autorización.
Nin sequera existen balizas nin conos que separen a circulación de coches e a de peóns nin tampouco hai quen vixíe que acceden só os vehículos autorizados. E é que simplemente hai dous sinais ao longo do paseo que indican que o paso a coches está prohibido agás os autorizados. Dada a falta de control, tense dado o caso da circulación de coches con matrícula estranxeira a través do propio paseo.
O Concello terá que algo que dicir desde o momento en que a regulación do tráfico neste espazo do paseo do Parrote é un dos servizos que asume ao aprobar o convenio de colaboración coa Autoridade Portuaria sobre a xestión dos espazos urbanos do porto o pasado 29 de setembro, polo que Autoridade Portuaria afórrase cáseque 4 millóns durante dez anos por conta do Concello da Coruña que costea os gastos de mantemento e conservación destes espazos
Dado o perigo que representa o paso de coches e motos polo Parrote, o BNG exíxelle ao Goberno municipal que protexa as persoas viandantes fronte aos vehículos. Máxime cando o Goberno Local aprobou recentemente a ampliación dun convenio con Autoridade Portuaria sobre os espazos urbanos do porto que vai supor que Autoridade Portuaria se aforre cáseque 4 millóns de euros en dez anos a conta do Concello que se vai facer cargo, entre outros servizos, da regulación do tráfico neste espazo do paseo do Parrote.
E é que na pasada Xunta de Goberno Local Extraordinaria de 29 de setembro o Goberno Local aprobou un convenio de colaboración con Autoridade Portuaria para a xestión dos espazos urbanos do porto polo que o Concello da Coruña asume un custe anual de mantemento e conservación destes espazos de 381.669,65 euros, que multiplicados polos 10 anos de duración inicial do convenio suman un total de 3.816.696,5 euros. Durante este tempo o concello ten que prestar unha serie de servizos nun determinado ámbito de actuación, entre outras zonas, o do paseo do Parrote, que segundo a cláusula 2ª, pertence á Zona Urbana I (atinxe a totalidade de espazos portuarios situados no exterior do cerre do porto, desde o arrinque do Dique de Abrigo, até a rotonda de entrada ao peirao de San Diego). Nesta zona o concello ten que realizar unha serie de servizos (limpeza pública e xestión de residuos domésticos e comerciais; conservación, mantemento e reposición de infraestrutura, pavimentos, instalacións de calquera clase, mobiliario urbano, xardinaría e iluminación pública; vixilancia e policías urbanas; e regulación do tráfico e conservación das instalacións de seguridade e regulación do mesmo), por tanto o Concello da Coruña asume a regulación do tráfico neste espazo do paseo do Parrote e, así, segundo as nacionalistas, algunhas medidas terá que tomar ante o perigo que representa o paso de coches e motos por este espazo e as denuncias feitas pola veciñanza.
Diante desta perigosa e incómoda situación, o Grupo Municipal do BNG anuncia a presentación dunha batería de preguntas escritas para saber se o Goberno do Sr. Negreira ten coñecemento destes problemas a sabendas de que houbo chamadas ao 010-, se ten pensado adoptar algunha medida que protexa as persoas viandantes fronte aos vehículos e se ten previsto estabelecer algún control para garantir que só acceden os vehículos que, realmente, contan con autorización.