O BNG esixe no Parlamento medidas urxentes para a recuperación produtiva e o emprego na ría do Burgo
A Coruña, 21 de febreiro de 2013.- O Grupo Parlamentar do BNG vén de rexistrar unha proposición non de lei para o seu debate en Pleno en que lle reclama á Xunta de Galiza a adopción de medidas urxentes para a recuperación produtiva e a xeración de emprego digno na ría do Burgo, unha demanda histórica do BNG. O calamitoso estado en que se atopa a ría ameaza a súa desaparición como banco marisqueiro, advirte o Grupo Parlamentar.
A portavoz de Pesca do BNG no Parlamento de Galiza, Montse Prado, que asina a iniciativa xunto con Francisco Jorquera e Ana Pontón, pon de manifesto que a recente visita dunha delegación de europarlamentares á ría do Burgo "puxo en evidencia unha realidade reiteradamente denunciada polo BNG e o sector marisqueiro: o terríbel proceso de degradación da ría e a histórica falta de vontade do Goberno español e da Xunta de Galiza para resolveren este problema".
En dúas décadas perdéronse 2.081 mariscadoras: de 2.200 mariscadoras, a tan só 119
A deputada do BNG sinala que tan só subsisten 76 mariscadoras a pé e 38 embarcacións de marisqueo a frote (con 43 tripulantes) para a extracción de ameixa fina, babosa, xapónica e berberecho, fundamentalmente. Estas cifras atópanse moi lonxe das 2.200 mariscadoras e mariscadores censadas hai tan só vinte anos. "En dúas décadas, do 85% dos espazos da ría que eran produtivos, pásase agora a menos do 20%, dos que ademais unha parte está clasificada como Zona C", salienta Prado, que alerta de que "de non corrixirmos esta tendencia, a curto prazo, asistiríamos á morte produtiva da ría".
A portavoz de Pesca denuncia que a falta de interese do Goberno central e da Xunta de Galiza están a levar o colectivo do marisqueo a unha situación límite. A nacionalista non entende "tal nivel de desleixo e indolencia" cun problema do que dependen moitos postos de traballo. Tamén alude Prado á falta de medidas para frontar a lacra do furtivismo nesta ría, un dos exemplos máis graves e relevantes de toda Galiza.
"É posíbel poñer a producir a ría sempre e cando se entenda como prioridade política"
A deputada do BNG pon de manifesto que é posíbel recuperar a ría do Burgo e poñela a producir "sempre e cando se entenda que afrontar a recuperación da ría é unha prioridade política". Por iso, emprazará o Goberno galego a pór en marcha, con carácter de urxencia, un Plano de Rexeneración e Recuperación Produtiva da Ría do Burgo, con financiamento compartido entre o Goberno español e a Xunta de Galiza que inclúa, entre outras medidas a retirada de lodos e lamas dos fondos e a restitución do convenio coa Confraría da Coruña para a realización de traballos remunerados de limpeza e rexeneración da ría a cargo das propias mariscadoras e mariscadores.
A proposición non de lei do BNG tamén insta a Xunta de Galiza a pór en marcha un proxecto integral de saneamento e depuración para eliminar as verteduras contaminantes dos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros, a posta en funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Brens, inaugurada hai dous anos e aínda non operativa, e a adoptar actuacións específicas en materia de control e vixilancia, como a instalación dunha base permanente do Servizo de Gardacostas de Galiza na ría do Burgo.