O alumnado con diversidade funcional fica discriminado no programa municipal "Coruña Saúde"
A Coruña, 17 de febreiro de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo rexistrou unha batería de preguntas para a resposta escrita en que se interesa polos motivos que levaron o Goberno municipal a discriminar o alumnado con diversidade funcional do programa de prevención Coruña Saúde. A iniciativa de Bravo recolle as demandas que pais e nais de crianzas con necesidades especiais lle transmitiron ao Grupo Municipal do BNG sobre este programa municipal.
Bravo pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira se considera que é educativo que este programa non teña en conta á atención á diversidade e se ten coñecemento de que existe alumnado con diversidade funcional que está a ser discriminado porque Coruña Saúde non conta con materiais adaptados ás necesidades destas crianzas. Ademais, a edila do BNG interésase polo prazo que o Goberno municipal lle vai conceder á Fundación María José Jove para elaborar este material que permita que todo o alumnado, independentemente das súas necesidades poida aproveitar este programa.
Tamén lle pregunta Bravo ao Goberno municipal cal é o custo total do programa e que porcentaxe de cantidade achegan o Concello e a Fundación María José Jove; se coñece os contidos e materiais entregados ao alumnado e se a Concellaría de Educación realiza unha avaliación continua de Coruña Saúde.