O BNG denuncia a xestión trapalleira do dálle que xa correxiremos do Sr. Negreira na Mariña
A Coruña, 3 de xullo de 2014- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, deu esta mañá unha rolda de prensa para poñer de manifesto que a xestión trapalleira do dálle para adiante que xa correxiremos do Sr. Negreira na Mariña fai que o Goberno teña que recuar e renunciar a continuar a tramitación do Plan Especial do Porto e do Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións para a Mellora da Mobilidade na zona da Mariña e do Parrote, incluíndo todo nun único documento, que será o PEPRI, tal e como lle recoñeceu o Goberno municipal ao BNG a través dun escrito.
Así, Carril explicou que, no seu día, cando se anunciou o trámite de licitación pola Autoridade Portuaria do proxecto de urbanización da Mariña, o Grupo Municipal do BNG presentou dous escritos con data de 23 de abril de 2014 un dirixido á Autoridade Portuaria e outro ao Concello da Coruña solicitando a procedencia legal do desestimento dos procedementos de contratación en curso (urbanización da Mariña e baixos do Parrote) por vulneración do planeamento urbanístico de aplicación. Concretamente, as nacionalistas expoñían que tales actuacións na Mariña-O Parrote infrinxían manifestamente o ordenamento urbanístico vixente e eran contrarias aos instrumentos de planeamento inicialmente aprobados por este Concello (PEPRI, Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións para a Mellora da Mobilidade na zona da Mariña e do Parrote e modificación puntual do Plan Especial do Porto-PEOZOS), carecendo en consecuencia de amparo normativo urbanístico debendo á Autoridade Portuaria proceder ao desestimento, revogación ou suspensión dos citados procedementos de contratación en trámite.
O portavoz do Bloque no Concello sinalou que visto que nin a Autoridade Portuaria nin o Concello da Coruña contestaban, o Grupo Municipal do BNG fixo unha pregunta oral no Pleno do 5 de maio de 2014 para saber cando pensa o Goberno municipal traer a Pleno para a súa aprobación definitiva o PEPRI, o Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións para a Mellora da Mobilidade na zona da Mariña e o Parrote e a modificación do Plan Especial do Porto. En contestación a esta pregunta, o Sr. Fernández Prado dixo que estaba todo en tramitación (el PEPRI, que es de competencia municipal, esperamos traerlo en las próximas semanas, antes del verano. Los que son de tramitación del Puerto o promovidos por el Puerto, tendrán que completar esos expedientes; se incorporarán cuando así lo hagan).
Carril salientou que case un mes máis tarde da resposta oral do concelleiro de Urbanismo, o BNG recibe un escrito de 3 de xuño de 2014, do director de Urbanismo en que se desestima a petición do Bloque por entender que as actuacións que se están a levar a cabo pola Autoridade Portuaria da Coruña se axustan ás determinacións do planeamento vixente e en fase de tramitación. Malia desestimar a solicitude do BNG, expuxo Carril, o certo é que recoñecen a xestión urbanística trapalleira que se estaba a facer con estes tres documentos en tramitación que tiñan contradicións entre si e que non lle daban amparo ás obras de urbanización da Mariña. E fano indicando que se renuncia a continuar a tramitación do Plan Especial de Mobilidade e da modificación puntual do Plan Especial do Porto, incorporando no PEPRI os cambios que fagan falta e as determinacións que correspondan dos outros dous documentos aos que se renuncia. Literalmente, sinalan respecto da tramitación dos expedientes hai que sinalar que o documento de revisión do PEPRI está actualmente en fase de estudo e contestación de alegacións e informes sectoriais, introducindo no documento os cambios necesarios e incluíndo no mesmo as determinacións que se consideren precisas dos outros dous documentos co gallo de integrar todas as actuacións nun único documento, sempre dentro das súas competencias, polo que é bastante probábel que se renuncie a continuar coa tramitación do Plan Especial de Mobilidade e da modificación puntual do PEOZOS, tal e como están redactadas na actualidade.
Carril finalizou salientando que, a día de hoxe, o Bloque Nacionalista Galego está á espera de que a Autoridade Portuaria teña a delicadeza, logo de tanta xestión urbanística trapalleira, de contestar ao escrito do BNG.