Apostamos polo emprego, cooperación, servizos sociais e pola cultura nas alegacións ao modificativo
A Coruña, 4 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG presentou as súas reclamacións ao décimo cuarto modificativo de crédito da etapa de goberno do Sr. Negreira, un modificativo que demostra a ineficacia e irresponsabilidade do Partido Popular á fronte do Concello, xa que ten como finalidade pagar facturas do ano 2013, xeradas na propia etapa de Goberno do PP e que non estaban recollidas no orzamento municipal. Ademais, esta modificación do orzamento municipal de 2014 caracterízase por incrementar as partidas de festas en 1,18 millóns de euros (a través dun suplemento de crédito do modificativo de crédito do orzamento municipal por valor de 300.000 euros e a través dun suplemento de crédito do modificativo do orzamento do propio IMCE por valor de 881.757 euros que procede do remanente líquido de tesoureiría do propio instituto municipal) e por recortar a partida de cursos de formación para o emprego antes de chegar á metade do ano e cando a cidade conta con máis de 21.700 persoas en situación de desemprego.
Precisamente, o Grupo Municipal do BNG solicita, a través das súas reclamacións, que non se recorten os 54.300 euros en cursos de formación para o emprego.
Ademais, o Bloque solicita a concesión dun suplemento de crédito por valor de 140.000 euros para unha convocatoria de subvencións destinadas a actividades de cooperación ao desenvolvemento exterior desenvolvidas por entidades sen ánimo de lucro e ONG. Esta reclamación vén motivada polos contactos mantidos entre o Bloque e a Coordinadora Galega de ONGD tras os sucesivos recortes que sufre a cooperación internacional desde que o PP goberna na Coruña. As nacionalistas lembran que o Goberno do Sr. Negreira reduciu a partida de 140.000 euros dos orzamentos de 2012 aos 90.000 euros dos orzamentos de 2013, cantidade que quedou a cero nas contas municipais de 2014. O BNG salienta que os 90.000 euros recollidos nos orzamentos do pasado ano beneficiaron un total de 17 entidades que traballan no ámbito da cooperación internacional.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG pide outro suplemento de crédito, por valor de 12.000 euros, para o mantemento da Biblioteca pública da Asociación de Veciños e Veciñas de Monte Alto, cuxa continuidade corre serio perigo tras eliminar o Goberno municipal dos orzamentos de 2013 e 2014 o convenio que mantiña coa asociación veciñal.
Tamén reclama o BNG un suplemento de crédito de 110.700 euros para unha convocatoria de subvencións para entidades que desenvolvan actividades coa infancia, priorizando os períodos non lectivos e a infancia en situación, ou risco, de pobreza.
Anulación dos suplementos de créditos para festas e para o partido da selección española de baloncesto
Para garantir o crédito para as súas reclamacións, o Grupo Municipal do BNG pídelle ao Goberno do Sr. Negreira que anule o suplemento de crédito do IMCE para festas por importe de 300.000 euros e mais a anulación do suplemento de crédito de Torneos deportivos para a celebración dun partido amigábel da selección española de baloncesto por valor de 17.000 euros.