Bravo: “O Goberno do Partido Popular pon en risco a continuidade da Festa do Libro na cidade”

Bravo: “O Goberno do Partido Popular pon en risco a continuidade da Festa do Libro na cidade”

A Coruña, 26 de marzo de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Goberno Municipal lonxe de apoiar o sector das librarías da cidade pon en risco a continuidade da Festa do Libro organizada pola Agrupación de Libreiros que desde hai 15 anos se viña celebrando arredor da data do 23 de abril.

Desde a chegada ao goberno do Partido Popular o convenio coa Agrupación de Libreiros da Coruña para a celebración da Festa do Libro foi diminuíndo cada ano, chegando nos orzamentos de 2014 a sufrir un recorte cercano ao 60% respecto ao ano pasado.

201110.300
201210.198
20139.000
20144.000

Esta festa, que neste 2014 debería chegar á súa XV edición, está organizada pola Agrupación de Libreiros da Coruña coa colaboración da Concellaría de Cultura e permitía que durante 5 días a cidadanía da Coruña puidese desfrutar dos libros no centro da cidade. Cunha participación por volta dunha ducia de librarías da Coruña e as Bibliotecas Municipais, coa Caseta de Atención Primaria, enchían o centro con propostas arredor do libro e da lectura.

“Resulta incomprensíbel, sinala a nacionalista María Xosé Bravo, que unha concellaría que aumentou en 600.000 euros o orzamento para este ano (400.000 para o IMCE e 200.000 para Cultura) deixe con menos da metade a xa exigua contribución á Agrupación de Libreiros. Nun momento especialmente difícil para as librarías da cidade, co peche de dúas das emblemáticas, o Partido Popular impedirá con estes recortes que as librarías puideren sacar os seus libros á rúa e dar un impulso as súas ventas”.

Que ten o Partido Popular contra o libro e a lectura?

Que ten o Partido Popular contra o libro e a lectura?, pregúntanse as nacionalistas, porque ademais destes recortes á Agrupación de libreiros, o BNG lembra que este Goberno segue recortando o orzamento  da partida destinada a mercar prensa e libros nas bibliotecas pasando de 134.256 euros no 2011 a 100.000 euros no 2012 e no 2013 e 95.000 no 2014. Cómpre ter en conta que hai unha nova biblioteca, a do  Ágora. Isto significa que todas as bibliotecas disporán de menos fondos para adquirir  material de lectura e consulta.

Orzamento para a compra de libros nas bibliotecas municipais
2011134.256
2012100.000
2013100.000
201495.000

Tamén, lembran as nacionalistas, que este Goberno Municipal, e en concreto a Concellaría de Cultura, eliminou o convenio que existía desde o ano 1986 coa asociación de veciños de Monte Alto para a biblioteca da asociación veciñal deste barrio, o cal ía destinado para pagar o o salario da bibliotecaria deste espazo de lectura e de encontro. Na actualidade, este equipamento, ao que asisten acotío moitas veciñas e veciños de Monte Alto, encóntrase nun momento moi difícil para seguir manténdose aberto tras a retirada do apoio municipal.

Bravo: “O Goberno do Partido Popular pon en risco a continuidade da Festa do Libro na cidade”