O BNG demándalle á Marea que cumpra o seu programa e fiscalice a concesión da Compañía de Tranvías
A Coruña, 14 de xullo de 2015.- Diante das iniciativas canto a transporte público anunciadas onte polo concelleiro de Mobilidade, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello da Coruña demándalle ao Goberno local da Marea Atlántica que cumpra co seu programa e que fiscalice a concesión da Compañía de Tranvías.
De feito, nas 99 medidas para o 99%, é dicir, no programa electoral da Marea Atlántica, sinalábase no punto 33 a fiscalización da concesión da Compañía de Tranvías, acompañada dunha revisión das tarifas: implantación da tarifa plana anticipada e bonificacións por familia numerosa.
Veira: É imprescindíbel revisar a concesión da Compañía de Tranvías e a fórmula polinómica antes de implantar as bonificacións senón calquera aumento de pasaxeiros irá en beneficio da concesionaria e en detrimento das arcas municipais
En coherencia co que demandou durante os últimos catro anos, o Grupo Municipal do BNG insiste na necesidade de revisar a concesión da Compañía de Tranvías e mais da fórmula polinómica para o cálculo do billete, unha fórmula que debería contemplar o beneficio de explotación da empresa e as subvencións municipais que lle outorga o Concello.
Así mesmo, o Bloque da Coruña sinala que calquera medida tendente a abaratar o custo do billete ten que implicar necesariamente a revisión previa da concesión e da tarifa polinómica.
De feito, o BNG xa denunciara, no momento en que o Goberno do Sr. Negreira aprobou a tarifa plana, que o Concello pagaría dobremente porque asumía o 100% das bonificacións e porque, pola outra banda, págalle cada ano unha millonada en subvencións á Compañía de Tranvías. Cuestión que non se correxirá até que se revise a concesión. As nacionalistas tamén facían fincapé, naquela altura, en que a Compañía de Tranvías chucharía cartos municipais tamén por unha vía dupla: pois alén das millonarias subvencións que recibe do Concello e que cada ano aumentan, a Compañía de Tranvías engrosaría o seu negocio pola tarifa plana.
Nas medidas que se anunciaron onte sobre transporte público urbano para o vindeiro ano e medio non figura nin a fiscalización da concesión da Compañía de Tranvías nin a revisión da fórmula polinómica: só medidas que supostamente fomentan o uso do autobús que, co sistema actual, suporán un maior beneficio para a empresa pois se se cumpre o aumento de persoas usuarias, crecerá, aínda máis, o suculento negocio da concesionaria, conclúe a concelleira nacionalista, Avia Veira.