Avia Veira: Manterémonos vixilantes até que desafecten as vivendas afectadas polo parque Ofimático
A Coruña, 23 de xuño de 2015.- Diante do anuncio do Goberno municipal de paralizar os desaloxos no núcleo de Elviña, o Grupo Municipal do BNG advirte de que se manterá vixilante até conseguir que o Goberno municipal tome medidas efectivas para desafectar as vivendas afectadas polo parque Ofimático.
Así mesmo, o Bloque sinala que para facer realidade esa intención de paralizar os desaloxos das vivendas de Elviña, será precisa a modificación do planeamento para, por unha banda, excluír do sector as casas e terreos afectados pola ponte e, pola outra banda, suprimir a ponte e, conseguintemente, reordenar o sistema de accesos ao sector, tal e como reflectía o programa electoral co que o Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas concorreu ás Eleccións municipais.
Esta foi unha das cuestións que puxemos enriba da mesa durante as conversas que mantivemos coa Marea Atlántica e que vincularon o noso apoio na investidura ao alcalde, por iso tamén seremos garantes de que se cumpra o compromiso, manifesta a concelleira nacionalista.