O BNG solicítalle ao alcade da Coruña que redacte un bando conmemorando o Día da Patria Galega
A Coruña, 23 de xullo de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego solicitoulle esta mañá por rexistro ao alcalde da Coruña que redacte un bando conmemorando o 25 de xullo, Día da Patria Galega.
O BNG da Coruña considera que na Coruña temos un dobre motivo para celebrar o 25 de xullo pois foron as Irmandades da Fala, fundadas na Coruña, as que en 1919 acordaron celebrar o 25 de xullo o Día Nacional de Galiza. O Bloque sinala tamén que o ano que vén celébrase o centenario do nacemento das propias Irmandades ás que lle debemos a celebración desta data que, en palabras do propio Castelao, é a maior festa de todos os galegos e de todas as galegas.
Por outra banda, a formación nacionalista lembra que non sería esta a primeira vez que na Coruña o seu alcalde redacta un bando conmemorando o 25 de xullo pois no mandato en que o Bloque Nacionalista Galego e o PSdG-PSOE compartiron goberno redactárase un que se publicara en todos os xornais.
Así mesmo, o BNG anima as coruñesas e os coruñeses a pendurar bandeiras galegas nas fiestras ou nos balcóns das casas para facer visíbel esta celebración e fai un chamamento ao pobo da Coruña para que asista á manifestación do Día da Patria, que este ano terá carácter unitario co lema A nación galega, e que sairá o 25 de xullo ás 12:00 da alameda de Santiago de Compostela.