"O PP vive nunha realidade paralela por iso non ve a urxencia de debater unha moción sobre vivenda"
A Coruña, 8 de abril de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, que levou ao pleno de onte unha moción, a través da súa concelleira Avia Veira, para garantir o dereito a unha vivenda digna, critica que o Partido Popular votase en contra da urxencia do seu debate.
O Goberno do Sr. Negreira debe vivir nunha realidade paralela e por iso non ve a urxencia de debater unha moción para garantir o dereito a unha vivenda digna
É evidente que o Goberno do Sr. Negreira e o Partido Popular viven nunha realidade paralela porque a crise económica e a carencia de leis que defendan o dereito constitucional das persoas a unha vivenda digna están a provocar milleiros de desafiuzamentos que constitúen un drama social sen precedentes afirman as nacionalistas, que engaden que segundo o informe do CGJP, en Galiza, durante o 2013, executáronse 67.189 desafiuzamentos en todo tipo de inmóbeis, ou sexa, 184 lanzamentos diarios: cifras ás que non é allea a cidade da Coruña.
O BNG da Coruña lembra na súa moción que o sector financeiro recibiu miles de millóns de diñeiro público para sanear a súa nefasta xestión, entre elas as consecuencias das súas aventuras na construción, que a burbulla inmobiliaria foi un dos factores da crise, e que goza de total permisividade pola ausencia de leis que impidan as execucións hipotecarias que deixan na rúa familias enteiras.
Diante do neoliberalismo atroz defendido a ultranza polo Partido Popular que considera a vivenda como un simple ben de consumo suxeito ás leis do mercado, a función social da vivenda e o dereito a acceder a esta carece de valor, negándose o dereito fundamental a un teito que acolla as persoas e permita que se desenvolvan socialmente, argumentan as nacionalistas.
É unha incoherencia que o Partido Popular se gabe da Constitución, mentres vota en contra dunha moción que pretende garantir un dereito recollido no seu artigo 47
Para o Grupo Municipal do BNG, é unha incoherencia que o mesmo Partido Popular que se amosou no Pleno de onte orgullosísimo de Adolfo Suárez, da Transición e da Constitución de 1978 e que se escandaliza cando o Bloque Nacionalista Galego os critica por estaren obsoletos, vote en contra dunha moción que trata de garantir un dereito recollido no artigo 47 da Constitución, que estabelece o dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada, na Declaración Universal de Dereitos Humanos ou o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais.
O Bloque Nacionalista Galego da Coruña, pretendía facerse eco con esta moción do feito de que as galegas e os galegos, a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular referendada por milleiros de sinaturas, están a demandar do Parlamento de Galiza a aprobación dunha proposición de lei que contribúa a garantir na Galiza o dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada, fomentar o acceso universal a unha vivenda habitábel e a paralizar todos os desafiuzamentos no noso país, favorecendo o alugueiro social e impulsando unha Lei galega de vivenda que promova o uso das vivendas baleiras ou deshabitadas.
Na moción, as nacionalistas solicitaban que a Corporación apoiase e asinase a Iniciativa Lexislativa Popular a prol de garantir na Galiza o dereito fundamental a unha vivenda digna e da protección dos colectivos sociais máis vulnerábeis, que abordase a paralización dos desafiuzamentos, así como favorecer o alugueiro social, a creación dun parque galego para a xestión de vivendas baleiras e a posta en marcha dunha axencia pública de alugueiro, a expropiación das vivendas a bancos, filiais inmobiliarias e outras persoas xurídicas que posúan as vivendas das persoas físicas que estean en proceso de execución ou embargadas por mor dunha situación sobrevida derivada da fonda crise económica e a paralización inmediata dos desafiuzamentos e do estabelecemento opcional da dación en pagamento.
Por outra banda, a moción tamén recollía os acordos de colaborar na recollida de sinaturas de apoio a esta Iniciativa Lexislativa Popular, instar o Goberno do Estado para que modifique a normativa tributaria con fin de declarar exentas as variacións patrimoniais derivadas das dacións en pagamento e trasladar estes acordos ao presidente da Xunta e aos grupos parlamentares do Parlamento de Galiza.