A Marea Atlántica descóbrese e avalará un servizo de transporte urbano privatizado
É a nosa obriga criticar que a Marea Atlántica seguirá apostando polo modelo de xestión privada de transporte público máis cando vimos de coñecer que a Compañía de Tranvías tivo de beneficios líquidos en 2016 máis de 4,5 millóns de euros
Xa tivemos acceso ás contas da Compañía de Tranvías correspondentes ao ano 2016 depositadas no Rexistro Mercantil, e é evidente que o modelo de xestión privada do transporte público está obsoleto e que só ten suposto para a cidadanía da Coruña un ineficiente e caro transporte público cunha concesión leonina pola que a concesionaria recibiu un total de 8,9 millóns de euros en subvencións do Concello da Coruña, un 37,51 % da cifra total de negocios
Lembramos que agora mesmo non existe impedimento legal ningún, xa que se cancelou o Plan de Axuste, para que o Goberno Local aposte pola xestión pública do transporte público da nosa cidade, por exemplo, a través da creación dunha empresa pública que o poida xestionar coa finalidade de promover un transporte pensado para as necesidades das coruñesas e dos coruñeses e que, como mínimo, A Coruña conte cunhas liñas eficientes e rápidas con horarios amplos, garantindo os transbordos, con maiores bonificacións, con paradas mellor xestionadas e unha tarxeta útil