Un café con Avia Veira: "Este Goberno Local é incapaz de lle dar á Coruña o impulso que necesita"
A canle de Youtube do BNG da Coruña estrea este 7 de febreiro a segunda entrega da súa sección “Un café con...”, desta volta protagonizada pola nosa concelleira Avia Veira, responsábel no grupo municipal de materias como Mobilidade, Urbanismo, Vivenda, Cultura e Política Social.
“A Coruña ten un enorme potencial, mais este Goberno Local é incapaz de lle dar o impulso que a cidade necesita”, afirma a concelleira nacionalista nesta conversa. “É un Goberno Local centrado en grandes titulares, en grandes eventos”, pero que logo falla “na política máis elemental da cidade”, naquelas cuestións que fan que un concello funcione ou non funcione, nomeadamente no que ten a ver coas competencias propias, desde a mobilidade até a xestión e tratamento dos residuos.
A percepción de que A Coruña necesita un impulso non é que a teña o BNG, “é que así nola transmite moita xente”, remarca Veira. “Non hai proxecto nin cultural, nin urbanístico, nin de mobilidade nin de vivenda”, engade. Mais hai alternativa, hai unha forza claramente á alza na cidade e con vocación de a partir das xa inminentes eleccións municipais de 28 de maio liderar o Goberno Local. “Jorquera dicía nunha entrevista”, refire Veira, “que a cidade lle debería dar unha oportunidade ao BNG. E eu comparto absolutamente iso”.
E é que, reflexiona a concelleira, A Coruña leva moito tempo arrastrando os mesmos problemas. “Con gobernos do PP, do PSOE, estivo a Marea Atlántica. Pero o BNG aínda nunca liderou o goberno da nosa cidade...”. O BNG, enfatiza, ten moi claros “cales son os problemas da Coruña, mais tamén cales son as solucións”. “Hai exemplos no resto do país de gobernos liderados polo BNG que cren nas potencialidades das súas vilas e das súas cidades. Nós cremos nas potencialidades da cidade. Cremos que a cidade merece un futuro mellor e que o BNG pode darlle ese futuro moito mellor”, salienta.