O PP continúa co procedemento para instalar a planta de refugallos preto de Novo Mesoiro, de Feáns e da Urb. Breogán
Entendemos escandaloso que o Partido Popular teime en construír a Planta de Pretatamento a escasos metros dos barrios de Novo Mesoiro, Feáns, Urbanización Breogán e Santa Icía
Ante a publicación antonte no DOG do anuncio polo cal se somete información pública o proxecto e o estudo de impacto ambiental da Planta de Santa Icía exiximos explicacións á Conselleira de Medio Ambiente de por que deu continuidade ao expediente e denunciamos a súa falla de compromiso para coa cidade á que se pretende presentar como candidata ás vindeiras eleccións municipais
Resulta canto menos incomprensíbel, despois da resposta unánime que tivo no seu momento na súa contra, que se continúe co procedemento para a construción desta Planta. Non sabemos que intereses agocha a presunta candidata a alcaldía da Coruña Beatriz Mato ao permitir que o procedemento avance e en insistir en situala tan preto destas poboacións cando na actualidade existen 3 grandes centros de pretratamento en Galiza específicos para estes refugallos. Pola nosa parte, volvemos a amosar o noso rotundo rexeitamento e xa anunciamos que presentaremos alegacións a este novo proceso