Urxido polo BNG, o Goberno Local anuncia por fin a convocatoria da Comisión de Bibliotecas
Na sesión de control ao Goberno Local do #PlenoNovembro a concelleira do BNG Mercedes Queixas interesouse pola situación das bibliotecas municipais xestionadas de forma indirecta, marcada polo fin do contrato da actual concesionaria -a 31 de outubro- e polos antecedentes de precariedade laboral, con atrasos na percepción dos seus salarios, sufrida polo cadro de persoal.
Queixas instou o “goberno en minoría de Inés Rey” a que convocase canto antes a primeira reunión da Comisión Especial de Bibliotecas, constituída hai xa un ano, e a que se avanzase na unificación da rede de bibliotecas, tal e como o BNG pactara xa co PSOE no Acordo de Investidura do primeiro mandato da actual alcaldesa.
A resposta de Gonzalo Castro é que existe o compromiso da continuidade na prestación do servizo “até que unha nova adxudicación estea garantida” e, canto á unificación da rede, para todas as bibliotecas municipais seren xestionadas directamente desde o Concello, remitiuse a un vago “estanse dando pasos”,
Sobre a posta en marcha da Comisión Especial das Bibliotecas, Castro avanzou que se reunirá por vez primeira o vindeiro 16 de novembro.