O Goberno Local non nos achega a documentación precisa para preparar a primeira reunión da Comisión das Bibliotecas

Mercedes Queixas na Biblioteca Municipal da Sagrada Familia.
Mercedes Queixas, na Biblioteca Municipal da Sagrada Familia.
A concelleira do BNG Mercedes Queixas celebra que por fin se vaia reunir a Comisión Especial de Bibliotecas (convocada para mañá xoves ás 17.30 horas no salón vermello do Pazo de María Pita), mais ao tempo lamenta que o Goberno Local non lle achegase ningún tipo de documentación para preparar a xuntanza.
O Goberno Local non nos achega a documentación precisa para preparar a primeira reunión da Comisión das Bibliotecas

“Non entendemos como se nos di que non hai ningunha documentación que achegar, cando a solicitamos en tempo e forma para preparar a reunión. Como é posíbel que non haxa ningunha documentación cando nesa Comisión Especial de Bibliotecas se vai falar da proposta de creación dunha comisión técnica para a unificación da rede de bibliotecas?”, pregúntase Mercedes Queixas.

Foi a propia Queixas quen levou a situación das bibliotecas, en forma de pregunta oral, ao pasado Pleno do 9 de novembro. Nesa sesión o BNG instou o Goberno Local a que convocase canto antes a primeira reunión da Comisión Especial de Bibliotecas, creada hai un ano, pero que até o de agora non realizara ningunha xuntanza.

“Celebramos que con esta convocatoria se atendan as demandas reiteradas quer polo BNG quer polo cadro de persoal das propias bibliotecas municipais. O que non comprendemos é que se nos poda convocar a unha reunión destas características, en que se vai falar da diagnose da situación das bibliotecas e da proposta da creación dunha comisión técnica para a unificación da rede, sen achegarnos previamente ningún tipo de documentación”, acrecenta Mercedes Queixas.

“Lamentamos esta forma de proceder, tan falta de rigor e da debida planificación, por parte dun Goberno Local que continúa sen abordar a serio este asunto”, conclúe.

 

 

 

 

 

O Goberno Local non nos achega a documentación precisa para preparar a primeira reunión da Comisión das Bibliotecas