A Coruña como unha cidade galega, de barrios, metropolitana e sustentábel

A Coruña como unha cidade galega, de barrios, metropolitana e sustentábel

A Coruña é, obviamente, unha cidade galega. Nela, como en todas as demais, agromou historicamente unha conciencia de pertenza á nación común, Galiza, que se traduciu en organizacións e institucións favorábeis á integración, e contrarias, polo tanto, a singularizar A Coruña como apéndice de España e da súa cultura. Toda a toponimia e microtoponimia e, aínda, a base demográfica da cidade revelan, como non podía ser doutro xeito, a natureza galega da Coruña. A cidade foi sempre pioneira na defensa do noso patrimonio material e inmaterial e no momento actual de ataques á identidade galega, a nosa lingua e a nosa cultura, cumpre tomar desde a institución municipal políticas de defensa activa e de fomento do que nos define como pobo. A Coruña é unha cidade galega.

Unha das características que máis personalidade imprime á cidade é a gran forza e actividade que existe nos barrios. A supervivencia desa vitalidade depende da atención e da protección que se lle preste a este modelo conservando e promovendo a súa actividade económica e social. Resultará ademais vital para  este obxectivo a mellora da mobilidade e a coordinación entre todos eles: os históricos e os de nova creación, os urbanos e os rurais. Os barrios son espazos esenciais para o desenvolvemento de dinámicas de transformación social na nosa cidade. A Coruña é unha cidade de barrios.

A evolución dos tempos fixo que cada vez máis xente teña a súa residencia nos concellos limítrofes aínda que siga desenvolvendo a súa vida laboral e de lecer na cidade. É preciso reestruturar o mapa de competencias e dar xa os primeiros pasos para baleirar progresivamente as Deputacións cara ao deseño dunha nova ordenación do territorio cuxas competencias sexan asumidas pola área metropolitana, que se entenda como unha institución. Os servizos compartidos, fundamentados na cooperación, na área metropolitana proporcionarán o balón de osíxeno que permitirá racionalizar o gasto público e optimizar os investimentos e os recursos públicos que están a ser recortados nesta época de crise. A Coruña é unha cidade metropolitana.

Non se pode comprometer o futuro con políticas de curto percorrido, é preciso que as medidas que se tomen aseguren un porvir mellor para A Coruña e polo tanto para Galiza. Isto pasa por primar sempre a adopción de medidas sustentábeis: sociais, ecolóxicas e económicas. Estas medidas serán viables no ecolóxico e económico, soportábeis no social e ecolóxico e equitativas no económico e social.  A Coruña ten que ser unha cidade sustentábel.

 

Podes descargar o programa electoral co que o BNG se presentou ás eleccións municipais premendo nesta ligazón.

A Coruña como unha cidade galega, de barrios, metropolitana e sustentábel